Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña culmina a renovación integral da travesía de Ponte do Porto, entre Camariñas e Vimianzo

O presidente provincial, Valentín González Formoso, anuncia que a Deputación continuará a intervención ata Cereixo, en Vimianzo, unhas obras que xa contan con proxecto 

"Melloramos a seguridade viaria e a accesibilidade, pero tamén respectamos a identidade do lugar, integrando a obra coa paisaxe da ría", destacou Valentín González Formoso

A Deputación da Coruña culmina a renovación integral da travesía de Ponte do Porto, entre Camariñas e Vimianzo

A estrada provincial DP-1603 ao seu paso pola Travesía de Ponte do Porto, entre os concellos de Camariñas e Vimianzo, conta xa cun novo tramo renovado tras as obras impulsadas pola Deputación da Coruña cun investimento de 694.957 euros nesta segunda fase, que supuxo a mellora dun tramo de 400 metros entre os puntos quilométricos 0+330 e 0+740.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no acto inaugural acompañado da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o exalcalde de Camariñas, Manuel Alonso "Pichurri", o exdeputado de Vías e Obras José Manuel Pequeño, así como moitos veciños e veciñas da zona.

Os traballos desta segunda fase incluíron a construción de novas beirarrúas de formigón continuo, reposición do paseo con firme de formigón impreso, renovación integral do firme da estrada, unha intervención completa na praza de San Roque —que gaña un novo enlousado de pedra granítica e abre a súa fonte ao contorno—, así como melloras no sistema de drenaxe e recollida de pluviais, instalación de nova iluminación pública con farois e luminarias empotradas no murete do paseo, restauración da varanda e colocación de novo mobiliario urbano, como bancos de pedra granítica.

Esta fase dá continuidade a unha primeira intervención realizada anteriormente na ponte e nos primeiros metros da senda, cun orzamento de 500.000 euros e unha lonxitude de 300 metros. En conxunto, ambas actuacións supoñen xa un investimento próximo a 1,2 millóns de euros. Durante o acto, Formoso anunciou que a Deputación xa ten redactado o proxecto da terceira fase, que se desenvolverá integramente no municipio de Vimianzo e permitirá prolongar a actuación ata a zona de Cereixo, completando así a transformación integral da travesía de Ponte do Porto.

"Melloramos a seguridade viaria e a accesibilidade, pero tamén respectamos a identidade do lugar, integrando a obra coa paisaxe da ría", destacou Valentín González Formoso, quen subliñou que proxectos coma este amosan a aposta da institución provincial por transformar espazos de uso cotián para a veciñanza. "Ponte do Porto namora a calquera que pasa por aquí, e a zona necesitaba un cambio profundo. Só nos queda agora pasar o marco e chegar a Cereixo, onde temos xa o proxecto redactado. Como se demostra con este proxecto, cando dicimos que o imos facer, acabámolo facendo", engadiu.

Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, puxo en valor o resultado final e agradeceu o compromiso da Deputación. "Inauguramos as obras do paseo marítimo da ponte e da praza de San Roque, unha intervención de case 1,3 millóns de euros, que non son doados de conseguir. Naquela reunión que tivemos no Casino cos veciños hai uns anos, poucos crían que isto ía saír adiante, pero hoxe é unha realidade e un cambio de cara total para a Ponte do Porto. De noite vese moi bonita e penso que estamos nun momento importante, de moitas cousas boas e de evolución positiva", afirmou a alcaldesa, antes de agradecer tamén o apoio para outras obras que están a piques de comezar, como as da Xunqueira, Liñares ou o asfaltado no Allo, financiadas a través do Plan Único- POS+ provincial.

Coa posta en marcha da terceira fase, a Deputación da Coruña culminará a transformación da travesía de Ponte do Porto, unha obra que non só mellora a seguridade viaria e a mobilidade, senón que tamén dinamiza un espazo fundamental para a vida social e económica da zona.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X