A Deputación presenta a segunda edición das Xornadas XEPDAC con múltiples actividades para poñer en valor a riqueza patrimonial da provincia da Coruña
As XEPDAC (Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña) celébranse do 30 de setembro ao 5 de outubro en diferentes espazos patrimoniais da provincia
Para participar nas actividades é necesario inscribirse nun formulario que estará habilitado en dacoruna.gal/patrimonio a partir do luns 22 ás 12h

Do 30 de setembro ao 5 de outubro o patrimonio provincial vivirá diferentes actividades no marco da celebración dos Días Europeos do Patrimonio. Visitas guiadas, contos, música, xogos, astronomía e rutas nocturnas completan o programa da segunda edición da XEPDAC, as Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña. A emblemática fábrica de Conservas Cerqueira, en Ribeira, acolleu esta mañá a presentación, na que participou o deputado de patrimonio, Xosé Penas, e o alcalde do municipio, Luís Pérez Barral.
Este ano, o lema deste evento internacional, impulsado conxuntamente pola Unión Europea e o Consello de Europa, é "Patrimonio Arquitectónico: fiestras ao pasado, portas ao futuro". Por este motivo, o programa asenta as súas bases por unha banda na rede de patrimonio da Deputación e por outra en diferentes proxectos de valorización patrimonial de arquitecturas singulares e diversas ao longo de toda a provincia.
"Dende o ano 1999 tanto o consello de Europa como a Unión Europea uníronse para crear esta acción para poñer o foco no coidado e protección do patrimonio máis aló das fronteiras" sinalou Penas. "A Deputación da Coruña, por segundo ano únese a esta celebración, e facémolo co obxectivo de promover o descubrimento, o coñecemento, e o acceso a elementos que dunha forma cotiá sería máis complicado, dende a protección e a admiración, e, ao mesmo tempo dun xeito reivindicativo, porque o patrimonio sempre é o gran esquecido. Dende as administracións públicas temos a obriga legal e moral de preservar e protexer o que é de todos, somos dalgunha forma os vixiantes de parte da nosa historia".
O deputado de patrimonio engadiu que "se non coidamos este legado, corremos o risco de perder unha parte de nós mesmos. Perder unha tradición é perder unha forma de entender o mundo. Perder un lugar histórico é perder a testemuña dun momento crucial na nosa historia". Neste sentido, as Xornadas Europeas do Patrimonio "lémbrannos que este legado non é algo estático do pasado, senón algo vivo que debemos coidar e transmitir ás futuras xeracións. Pero nós reivindicamos unhas xornadas na que os protagonistas sexamos todos, dende os máis cativos ata os que dalgunha forma xa formamos parte do patrimonio inmaterial deste país".
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira agradeceu a colaboración da Deputación co concello, "máis aló das cuestións patrimoniais". Ademais, referiuse á nave de Conservas Cerqueiras, onde terá lugar unha das actividades das xornadas: "Estamos no corazón dun elemento patrimonial que viu xurdir este barrio. En Ribeira perdemos moito patrimonio que non podemos recuperar, pero está na nosa man conservar o que nos queda, e que mellor maneira que esta, facendo que a xente coñezca as características dun patrimonio industrial como a nave de Cerqueira, con máis de 130 anos de historia". Pérez Barral sinalou que "temos o deber e a vontade de que este patrimonio se conserve, e poñelo en valor e dalo a coñecer é fundamental", afirmando que "dende o concello queremos que este sexa un espazo para todos e todas, de uso e desfrute para a veciñanza, e a celebración de parte destas xornadas é un primeiro paso moi importante".
Programa
A segunda edición das XEPDAC comezará coas actividades escolares, que se desenvolverán de martes a xoves. O martes 30 de setembro, o Pazo de Mariñán (Bergondo) acollerá o espectáculo de monicreques "O galo Quirico e os seus amigos" de Viravolta Teatro. O mércores 1 de outubro, Paco Nogueiras e o seu show "C@nto contigo" chegarán ao Forno do Forte (Malpica de Bergantiños), mentres que o xoves 2 o dolmen de Cabaleiros acollerá unha sesión de contacontos con María da Pontragha.
A fin de semana, as xornadas abriranse ao público xeral con actividades gratuítas que requiren reserva previa.
- Venres 3 de outubro: O Barbanza será o protagonista con visitas a proxectos singulares como a Central Hidroeléctrica do Tambre (Noia, 11:00h e 13:00h), as emblemáticas Conservas Cerqueira (Ribeira, 12:00h e 18:00h) e as minas de volframio de San Finx (Lousame, 17:00h e 19:00h).
- Sábado 4 de outubro: A programación viaxará ao occidente da provincia. Haberá visitas ao Faro do Cabo Vilán (Camariñas, 11:00h e 13:00h), á Baleeira de Caneliñas (Cee, 12:00h e 18:00h) e ao xacemento romano de Brandomil (Zas, 17:00h e 19:00h). O programa do sábado rematará cunha actividade excepcional: un obradoiro de astrofotografía básica no monte San Bartolo (Vimianzo), a cargo do fotógrafo Jorge Calderón.
- Domingo 5 de outubro: As XEPDAC concluirán no interior da provincia con visitas ao Batán de Mezonzo (Vilasantar, 11:00h e 13:00h), ao Castelo de Mesía (Mesía, 12:00h e 18:00h) e á Igrexa de Santo Antoniño de Toques (Toques, 17:00h e 19:00h).
A asistencia a todas as actividades é gratuíta, pero require reserva previa. As inscricións abriranse o luns 22 de setembro ás 12:00h na páxina web da Deputación da Coruña, a través de https://dacoruna.gal/patrimonio/xepdac/.