Formoso recibe na Deputación ao alumnado do colexio galego-arxentino Santiago Apóstol de Bos Aires

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe no salón de plenos da institución provincial ao alumnado do colexio galego-arxentino Santiago Apóstol de Bos Aires, que está a realizar a súa viaxe de fin de estudos a Galicia.
Durante o acto, Formoso deu a benvida aos estudantes e destacou a profunda e histórica vinculación entre Galicia e Arxentina, país que acolleu a milleiros de galegos e galegas ao longo das décadas e no que a comunidade galega segue a ser un piar fundamental da identidade cultural.
O presidente provincial puxo en valor o traballo educativo e cultural que realiza o centro Santiago Apóstol na capital arxentina, felicitando tanto ao alumnado como ao profesorado por contribuír á preservación da lingua, a cultura e os valores galegos a máis de dez mil quilómetros da terra nai.
"A Deputación da Coruña mantén unha colaboración constante coas entidades sociais e culturais da nosa diáspora en Arxentina, porque consideramos fundamental apoiar o labor que desenvolven para manter vivo o vencello co noso país", sinalou Formoso, quen animou ao alumnado a seguir sendo embaixadores e embaixadoras de Galicia no mundo.
O encontro rematou cun intercambio de agasallos institucionais e cunha fotografía de grupo no salón de plenos da Deputación.