Estás en:Emprego

A Deputación inviste máis de 340.000 euros na nova estación náutica do lago das Pontes co apoio dos fondos europeos

A actuación permitirá crear unha explanada con ramplas e gradas de acceso á auga, novas redes de servizos e unha zona para limpeza das embarcacións.

Este proxecto enmárcase nun plan que prevé un investimento total de 3 millóns de euros para impulsar iniciativas sostibles en Ferrolterra, Eume e Ortegal a partir dos fondos Next Generation.

As empresas interesadas en executar estes traballos teñen ata o día 29 de setembro para presentar as súas ofertas.

A Deputación inviste máis de 340.000 euros na nova estación náutica do lago das Pontes co apoio dos fondos europeos

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación as obras de acondicionamento do terreo e acceso á auga para a futura estación náutica no lago das Pontes, cun investimento de 340.536,35 euros procedentes dos fondos europeos Next Generation que o Goberno de España destina a impulsar un modelo de turismo sostible nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

As empresas interesadas en executar estes traballos teñen ata o día 29 de setembro para presentar as súas ofertas.

As obras contemplan a creación dunha explanada dotacional de máis de 3.800 metros cadrados que permitirá a práctica de actividades náuticas e deportivas. Este espazo contará cunha zona de escaleiras e gradas para o acceso de embarcacións de remo como kaiaks, así como cunha rampla de ata 14 metros de ancho destinada a barcos de vela lixeira e lanchas pneumáticas de apoio. O proxecto inclúe ademais a instalación de servizos de electricidade, abastecemento, drenaxe e saneamento, cun sistema específico para a recollida e bombeo das augas empregadas na desinfección obrigatoria das embarcacións.

As actuacións tamén prevén a execución de muros de escollera de contención, unha zona de limpeza e desinfección das embarcacións de 50 metros cadrados, novos elementos de seguridade como varandas e sinalización vertical, e a dotación de iluminación pública mediante proxectores LED de baixo consumo enerxético.

O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun proxecto "cunha clara vocación sostible, que pon en valor o lago das Pontes como recurso natural e turístico, ao tempo que ofrece novas posibilidades para a práctica do deporte náutico e o lecer". Formoso subliñou que "a chegada dos fondos europeos permítenos facer realidade investimentos estratéxicos que fortalecen a economía local e diversifican o futuro dun territorio que é industria, pero tamén natureza, patrimonio e turismo".

O proxecto insírese nun ambicioso plan que prevé unha inversión global de 3 millóns de euros para impulsar iniciativas sostibles en Ferrolterra, Eume e Ortegal. Entre elas figuran tamén melloras nas Fragas do Eume e no proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, co obxectivo de consolidar un modelo turístico diferenciado, ligado á calidade ambiental, ao deporte e á experiencia cultural.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X