A Deputación presenta a segunda edición de "Mover os Marcos" que levará de novo a Santiago debates, humor e música en directo
O encontro, que se celebra do 1 ao 4 de outubro, combina conversas sobre lingua, ecoloxía, identidades e vivenda con concertos falados, podcast en vivo, danza urbana e actuacións musicais
A segunda edición do proxecto achega os debates culturais e sociais á mocidade compostelá a través de novos formatos e escenarios como o Auditorio de Xornalismo, a Igrexa da Universidade e a Casa das Máquinas

Santiago de Compostela acollerá, do 1 ao 4 de outubro, unha nova edición de "Mover os Marcos", con conversas, música e espectáculos en directo, concertos falados, humor e cuestionamento social. A situación da lingua, o discurso ecoloxista, as identidades ou a vivenda serán algunhas das temáticas destas xornadas de encontro xeracional. A oferta complementarase con propostas culturais que inclúen break dance, podcast en vivo, presentacións pechacucha e concertos de bandas galegas emerxentes. Así o anunciaron esta mañá as deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua e dereitos civís, Soledad Agra; o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro e a vicerreitora de estudantes e cultura, Pilar Murias Fernández, nun acto no que tamén estiveron presentes algunhas representantes de Culturactiva e das participantes no programa.
Nacido en 2024 como un espazo para cuestionar o establecido e dar protagonismo ás voces emerxentes da Galiza, Mover os Marcos presentouse como unha experiencia pioneira de diálogo colectivo. Baixo o lema "Festival para unha vida mellor", esta edición non busca só falar de temas illados, senón abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan á mocidade de hoxe: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos. Son preocupacións actuais que, porén, dialogan coas loitas doutras xeracións, lembrando que cada avance presente é froito das batallas pasadas.
"As administracións temos que estar sempre atentas ás voces da cidadanía e, moi especialmente, ás da mocidade, para que as nosas políticas sexan realmente útiles e transformadoras. Mover os Marcos é precisamente un exemplo de como a escoita activa e o diálogo se poden converter en ferramentas de cambio" apuntou a deputada de cultura. "Compostela, unha vez máis, convértese en epicentro cultural e social grazas á implicación das institucións e ao compromiso da súa xente. Estou convencida de que esta edición de Mover os Marcos será unha oportunidade para seguir derrubando barreiras e creando novos marcos de convivencia, creatividade e participación".
A deputada de lingua, igualdade e dereitos civís, Soledad Agra, sinalou que este proxecto "nace pola necesidade de buscar un espazo, físico e temporal, de encontro da mocidade". Desde a Deputación "quixemos Mover os Marcos do tempo e o espazo para xuntar á mocidade presencialmente e facilitar que se escoiten e que a escoitemos". Unha nova edición, "demostraremos, neste 'Festival para unha vida mellor', que o compromiso coa lingua, co medio ambiente, cos dereitos constitucionais como o acceso á vivenda, unha boa atención en saúde mental ou liberdade para ser e sentir fora da heteronormatividade tamén están dentro das súas preocupacións e activismos". Así, engadiu, "moveremos os Marcos estes 4 días para traer ao centro, e mover das marxes, os dereitos humanos, porque a mocidade tamén está implicada e preocupada polo racismo, os ataques á poboación migrante, pola exclusión social, polo xenocidio de Gaza e os posicionamentos políticos".
Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, destacou da iniciativa que "apela á comunidade universitaria, ao seu estudantado, nunha reflexión importante a través da cultura". Murias subliñou igualmente a importancia da confluencia de varias institucións arredor deste proxecto "que permitirá mover os marcos". O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, expresou a satisfacción do Concello por acoller parte de "Mover os Marcos" na Casa das Máquinas "un edificio cunha historia que tén que ver co filosofía deste programa, que naceu promovido por unha cooperativa de electricidade e que foi símbolo da modernización de Santiago". O concelleira explicou que o programa tamén encaixa na vontade do departamento de Centros Socioculturais de "abrirse a novos públicos e xerar comunidade ao redor de novas inquietudes culturais e artísticas".
Actividades en diferentes espazos
Do 1 ao 3 de outubro, o Auditorio de Xornalismo converterase nunha aula aberta onde a comunidade universitaria e o público xeral están convidados a participar en tres xornadas de conversas. O día 1 abrirase coa mesa Proxectos para vivir en galego, que contará con voces como Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García. O 2 de outubro será a quenda de Medio e ecoloxía: coidar do noso, cun diálogo impulsado por ADEGA e no que participarán creadoras de contido como blondiemuser e activistas como Rogelio Sánchez. O ciclo pecharase o 3 de outubro con Vivir na Galiza dos anos 20, unha sesión que abordará cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI (Daniela Ferrández), a vivenda (Plataforma Vivenda Xa) e a inmigración (Barry Elhadj Mamadou, de Guinea Conakry).
A Igrexa da Universidade, un dos espazos máis emblemáticos da USC e punto de encontro habitual da mocidade compostelá, acollerá os concertos falados desta edición. O 1 de outubro, ás 21:00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo.
O sábado 4 de outubro a actividade trasládase á Casa das Máquinas. Alí combinaranse diferentes propostas que van desde o break dance da Vella Escola ata as presentacións pechacucha de proxectos creativos comoa Revista Rebelico, Orgullo Galego, Horta Creativa ou O Tinglao de Carnota. A xornada incluirá tamén o podcast en directo Prendídisma, a enerxía do Colectivo do Flow e os concertos de Leria e Tiam GZ.
Programa completo
Mércores, 1 de outubro
- 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa Proxectos para vivir en galego
- 21:00 h | Igrexa da Universidade → Concerto falado con Hugo Guezeta, dinamiza Rodri Míguez
Xoves, 2 de outubro
- 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa Medio e ecoloxía: coidar do noso (ADEGA, blondiemuser, Rogelio Santos Queiruga)
- 21:00 h | Igrexa da Universidade → Concerto falado con Alana
Venres, 3 de outubro
- 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa Vivir na Galiza dos anos 20
- Contexto: Sonia Díaz
- Dereitos LGTBI: Daniela Ferrández
- Vivenda: Iría Nande (Plataforma Vivenda Xa)
- Inmigración: Barry Elhadj Mamadou
Sábado, 4 de outubro | Casa das Máquinas
- 12:00 – 12:20 h → Break Dance coa Vella Escola
- 12:20 – 12:40 h → Pechacuchas: Rebelico, Lixo Atelier, Deica
- 13:00 h → Concerto de Leria
- 16:00 – 17:00 h → Podcast en directo Prendídisma
- 17:15 h → Actuación do Colectivo do Flow
- 18:30 h → Pechacuchas: Horta Creativa, O Tinglao de Carnota, Orgullo Galego
- 20:00 h → Concerto de Tiam GZ
Todas as actividades de Mover os Marcos 2025 son de balde e sen reserva ata completar aforo. O proxecto está promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop. Máis alá da súa programación, o festival quere deixar unha mensaxe clara: pensar, debater e celebrar xuntos é o camiño para construír unha vida mellor.