A Deputación presenta este domingo o CEI- Coruña Estudio Inmersivo no Festival de San Sebastián
O evento terá lugar este domingo 21 de setembro, ás 12.00 horas, no Hotel María Cristina de San Sebastián e contará coa presencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso
Trátase dun evento estratéxico para posicionar a Coruna Estudio Inmersivo (CEI) como centro de referencia en produción virtual ante os representantes do sector

Este domingo, 21 de setembro, a Deputación da Coruña e Pedralonga Estudios presentarán no prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián o CEI – Coruña Estudio Inmersivo, o plató virtual máis avanzado de España e unha infraestrutura pioneira na nova xeración de rodaxes inmersivas.
O acto, que se celebrará no Hotel María Cristina da capital donostiarra de 12:00 a 14:00 horas, estará presidido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, e a persidenta de Pedralonga Estudios, Fernanda Tabarés. Xunto a eles estarán outros representantes de Pedralonga Estudios, empresa que xestiona o CEI e que impulsa este proxecto chamado a revolucionar o sector audiovisual desde Galicia.
A convocatoria reunirá aos grandes axentes das produtoras de cine e televisión nacionais e internacionais, representantes de plataformas de contidos audiovisuais como Netflix, Amazon Prime Video ou Disney+, televisións nacionais e medios especializados, institucións e asociacións profesionais do ámbito estatal e europeo. Trátase dun evento estratéxico para posicionar o CEI como centro de referencia en produción virtual a nivel internacional.
Un estudo de vangarda para a produción do futuro
O CEI, ubicado na Cidade das TIC, conta cunha superficie de máis de 2.000 m² e está dotado coa última tecnoloxía en produción virtual, realidade estendida (XR), escenografía dixital e integración en tempo real de actores e efectos visuais. Impulsado pola Deputación da Coruña e xestionado por Pedralonga Estudios, aspira a converterse nun polo de atracción para grandes producións cinematográficas e televisivas, tanto españolas como internacionais, que poderán ter A Coruña como localización.
O obxectivo da presentación en San Sebastián é reforzar a visibilidade do proxecto ante os principais axentes da industria audiovisual nacional e internacional e establecer alianzas estratéxicas que consoliden a posición de Galicia como territorio creativo, innovador e competitivo no sector audiovisual.
Spot promocional
Durante o acto presentarase o novo vídeo promocional do CEI e haberá intervencións institucionais e profesionais, seguidas dun aperitivo de networking co obxectivo de favorecer os contactos e establecer posibles acordos de cooperación.
O evento supón unha gran oportunidade para dar a coñecer o CEI aos actores clave da industria audiovisual nun dos escenarios máis recoñecidos do cinema europeo, a 73 edición do Festival de San Sebastián, onde se atopan máis de 1.000 xornalistas de 42 países acreditados e miles de profesionais da industria audiovisual e institucións culturais.