O Campionato de España de Breaking chega a Santiago co apoio da Deputación
Celébrase ata o domingo no Campus Sur Universitario de Santiago de Compostela.
O Campionato de España de Breaking 2025, unha cita deportiva da Federación Española de Baile Deportivo chega por primeira vez a Galicia co apoio da Deputación da Coruña.
O campionato celebrarase desde hoxe ata o domingo no Campus Sur Universitario de Santiago de Compostela, dentro do Festival Internacional Compostela Street. Nesta edición reuniranse arredor de cen participantes, homes e mulleres de todas as comunidades autónomas, que se medirán en batallas individuais de 1 contra 1. O xurado estará formado por figuras de prestixio nacional e internacional, entre elas Bgirl Jess, quen xa formou parte do equipo de avaliación nos Xogos Olímpicos de París 2024.
O resultado desta competición proclamará aos campións e campioas de España e terá un peso determinante no ranking nacional, fundamental para a constitución do equipo que representará a España nos campionatos internacionais e mundiais. Galicia contará cunha representación moi destacada con nomes como o de Alicia Babarro, coñecida como Bgirl Mini Ali, actual campioa de España e número oito do mundo na categoría sub18 con só catorce anos, que exerce ademais como embaixadora do evento. Tamén estará presente o coruñés David Amor, campión nacional en 2023 e terceiro clasificado en 2024, xunto ao Club Deportivo Da Rúa, primeiro club federado de Breaking inscrito no Estado.
Festival Internacional Compostela Street
O Festival Internacional Compostela Street, que é de acceso libre, reunirá arredor de medio milleiro de deportistas en diferentes competicións nacionais, autonómicas e internacionais de disciplinas como o street workout, o skate ou o basket 3×3. Ademais das probas deportivas, ofrecerá unha programación cultural variada con concertos de música urbana, certames de beatbox e freestyle, exhibicións de street art, ademais de espazos participativos como a Kids Área ou o Open Park Área, con infraestruturas deportivas urbanas abertas ao público.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, que mañá sábado participará no evento, subliñou que a chegada a Santiago deste campionato, recentemente recoñecido como disciplina olímpica, consolida á provincia como referente no apoio aos deportes emerxentes e urbanos, e permitirá situar a Galicia no mapa internacional do Breaking e da cultura urbana.