A Deputación presenta no Festival de San Sebastián Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudio de produción virtual de España
O evento contou coa asistencia de representantes das principais plataformas e produtoras de contidos audiovisuais nacionais e internacionais
Valentín González Formoso subliñou que o CEI "conecta dous sectores clave para o futuro de Galicia: o audiovisual e o tecnolóxico" e incidiu en que este proxecto "reforzará a capacidade de Galicia para atraer produccións nacionais e internacionais"

O Festival de San Sebastián, un dos eventos cinematográficos máis prestixiosos a nivel internacional, foi hoxe o marco elexido pola Deputación da Coruña e Pedralonga Estudios para presentar ante os representantes clave da industria audiovisual o CEI – Coruña Estudio Inmersivo, o maior estudio de producción virtual de España, chamado a liderar a nova xeración de produccións audiovisuais en Europa.
O acto, celebrado no icónico hotel María Cristina da capital donostiarra e conducido pola presidenta de Pedralonga Estudios, Fernanda Tabarés, contou coas intervencións do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Alfonso Blanco, ante unha ampla representación de profesionais do sector, que incluíu aos responsables de plataformas e televisións como Netflix, Amazon Prime Video, Movistar+, RTVE, Mediaset, Atresmedia, así como produtoras nacionais e internacionais, medios de comunicación e institucións do sector.
Durante a súa intervención, Valentín González Formoso subliñou que o CEI "conecta dous sectores clave para o futuro de Galicia: o audiovisual e o tecnolóxico" e incidiu en que este proxecto reforzará a capacidade de Galicia para atraer produccións nacionais e internacionais. Ademáis, resaltou o modelo de colaboración público-privada que fixo posible este centro de producción de última xeración.
"O CEI representa moito máis que unha aposta tecnolóxica, xa que é, sobre todo, unha gran aposta polo talento creativo de Galicia, na capacidade do seu sector audiovisual para reinventarse e buscar novas formas de contar historias que conectan co mundo", sinalou Formoso, que se declarou "orgulloso de que unha institución bicentenaria como a Deputación da Coruña sexa capaz de liderar proxectos de vangarda a nivel estatal e dun sector audiovisual galego que se implicou a fondo para que A Coruña conte hoxe co estudo de produción virtual coa tecnoloxía máis avanzada de España".
O presidente provincial destacou que "Galicia, e a provincia da Coruña en particular, contan cunha industria sólida, con produtoras valentes e profesionais altamente cualificados que levan anos creando contidos de éxito que conectan coa audiencia nacional e internacional, e que o CEI permite dar un paso máis ao situar a Galicia como referente estatal e europeo en tecnoloxía de produción virtual".
Punto de encontro entre creatividade e tecnoloxía
"Coruña Estudio Inmersivo vén a sumar, a abrir novas posibilidades, a permitir que as produtoras nacionais e internacionais podan crear en Galicia sen límites técnicos nin barreiras. Galicia non só será esceneario natural privilexiado, como o ten sido sempre, será tamén escenario virtual, laboratorio de ideas e punto de encontro entre a creatividade e a teconoloxía", afirmou o presidente da Deputación.
Pola súa banda, o presidente do Cluster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, afirmou que o impulso a esta infraestrutura de vangarda beneficiará a toda a industria nacional de rodaxes e service de produción. "Pedralonga Estudios e CEI completan un cóctel perfecto que sitúa a Galicia como o destino de rodaxe ideal", ofrecendo outros atractivos como os seus máis de trinta anos de traxectoria, produtoras posicionadas no panorama internacional, talento técnico e artístico de primeiro nivel, diversidade paisaxística ou axudas públicas que facilitan a coproducción e e fomentan a atracción de rodaxes".
Pola súa banda, a presidenta de Pedralonga Estudios, Fernanda Tabarés, deu a coñecer as vantaxes competitivas do CEI. "conta cunha extensión total superior aos 2.000 metros cadrados nos que atopamos o plató virtual de 750 m² cunha led wall de 28x6 metros e 1,9 pixel pitch de definición", recursos técnicos cos que o centro aspira a posicionarse á vangarda da producción virtual europea. A esta infraestrutura sumaranse ao longo de 2026 dous novos platós de 2.500 e 2.000 m² actualmente en construción, concebidos para atender a producción audiovisual de xeito integral coa súa dotación de instalacións adicionais. "O noso obxectivo compartido é ofrecer a última tecnoloxía ao servizo da creatividade e a industria a prezos competitivos".
Sobre o CEI
O CEI, situado na Cidade das TIC da Coruña, ocupa unha nave de 2.000 metros cadrados que alberga un plató inmersivo de 800 metros cadrados, equipado con tecnoloxía de última xeración. Conta cun LED Wall semicircular de 28 metros de ancho por 6 de alto, formado por 672 paneis Alfalite con resolución de 14.336 por 3.072 píxeles, así como cunha pantalla LED superior de 100 metros cadrados e paneis laterais de iluminación, integrando un sistema de realidade extendida (XR) con seguimento óptico Pixotope Vision, cámaras ARRI Alexa e ópticas Canon, procesadores Novastar, matriz Blackmagic e redes de alta capacidade para postprodución. Esta infraestrutura permitirá á industria galega e nacional producir contidos sen límites técnicos, combinando localizacións naturais con escenarios virtuais inmersivos.
O proxecto supuxo un investimento de 9 millóns de euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña e polo Goberno de España a través de fondos europeos Next Generation, e será xestionado por Pedralonga Estudios, sociedade creada polo Clúster Audiovisual Galego que agrupa ás principais produtoras de Galicia como Portocabo, Vaca Films, Voz Audiovisual, Zenit, Congo, Undodez, Avendaño Estudio, Tex45, Siete Media e Marcote. Este modelo público-privado busca non só consolidar o CEI como centro de rodaxe e produción de contidos virtuais, senón tamén como punto de formación, innovación e xeración de emprego cualificado dentro do sector audiovisual galego. Cunha combinación única de talento, tecnoloxía e investimento, consolida a posición de Galicia como destino audiovisual competitivo a nivel europeo e internacional.