Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña celebra a nova etapa do Grupo Editorial El Ideal Gallego

O presidente Valentín González Formoso participou no acto de presentación da nova identidade corporativa do grupo, destacando o seu compromiso coa información local e coa innovación tecnolóxica

A Deputación da Coruña celebra a nova etapa do Grupo Editorial El Ideal Gallego

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no acto de presentación da nova etapa do Grupo Editorial El Ideal Gallego, que supón un relanzamento da súa identidade visual e estratexia editorial. Acompañado polo equipo directivo da empresa, o director de El Ideal, Rubén Ventureira, e por representantes do equipo profesional e da sociedade galega, Formoso cualificou este momento como "un día especial para a provincia da Coruña e para todo o xornalismo galego".
Durante a súa intervención, o presidente destacou a longa traxectoria de El Ideal Gallego, fundado en 1917, e reivindicou o valor de manter vivo o espírito dun medio que "leva máis dun século contando a vida da xente desde a proximidade, desde o que de verdade importa".
Formoso lembrou tamén ao anterior director, Andrés Ríos, falecido recentemente, cunha emotiva homenaxe: "Faltará a súa presenza física, pero queda o seu exemplo e queda, sobre todo, o cariño que lle profesamos todos".
A nova etapa do grupo editorial chega acompañada dun redeseño das súas cabeceiras —entre elas, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños, Diario de Compostela e DXT Campeón— e dunha aposta decidida pola dixitalización e a innovación tecnolóxica, sen perder a esencia do xornalismo local. "Celebramos que xunto a unha nova estética chegue tamén unha aposta clara polas novas tecnoloxías, polas ferramentas que permitirán chegar a máis lectores e con mellores historias", afirmou o presidente.
Formoso destacou tamén a recuperación da cor vermella na cabeceira de El Ideal Gallego, un símbolo da súa personalidade e paixón polo oficio xornalístico: "Porque para facer xornalismo de verdade hai que poñer paixón, hai que poñer corazón".
O presidente da Deputación rematou a súa intervención reiterando o apoio da institución provincial aos medios de comunicación comprometidos coa realidade do territorio: "Dende a Deputación da Coruña compartimos esa visión: a de usar a tecnoloxía como aliada, pero sen esquecer nunca a mirada humana, a realidade concreta de cada vila, de cada barrio, de cada persoa".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X