A Deputación presenta os "Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes" para avanzar cara a solucións prácticas para os concellos
As xornadas, destinadas a profesionais e persoal técnico de administracións locais co obxectivo de superar os obstáculos prácticos na implantación de solucións baseadas na natureza, terán lugar no Pazo de Mariñán os días 15, 21 e 30 de outubro
Así o anunciou esta mañá a deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, acompañada do coordinador do proxecto, David Río
Pódese consultar máis información e formalizar a inscrición a través da páxina web www.etivcoruna.org

A Deputación da Coruña anuncia a celebración dos "Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes: da teoría á realidade", unhas xornadas que se desenvolverán os vindeiros días 15, 21 e 30 de outubro no Pazo de Mariñán, en Bergondo. Este evento está deseñado como un espazo de encontro e debate para profesionais e persoal técnico de administracións locais, co obxectivo de superar os obstáculos prácticos na implantación de solucións baseadas na natureza (SbN).
"Esta iniciativa pon en valor a estreita e imprescindible colaboración entre a Deputación e os concellos da nosa provincia para avanzar xuntos cara a un futuro máis sostible e resiliente", sinalou a deputada. "Conceptos como as 'infraestruturas verdes' ou 'sostibilidade', cada vez máis presentes nos debates públicos, nas políticas locais e na planificación urbana, non son só palabras de moda, senón solucións reais e eficaces que poden transformar os nosos espazos públicos, mellorar a calidade de vida da veciñanza e fortalecernos para adaptarse aos retos ambientais e climáticos".
Cristina García expresou tamén que "desde a Deputación buscamos ser un aliado para os nosos municipios e fomentar boas prácticas que beneficien a toda a cidadanía". Neste sentido, "estas xornadas están estruturadas para facilitar o intercambio de coñecemento e experiencias, favorecer a innovación e a planificación estratéxica, e identificar vías de financiamento que fagan posible que estes proxectos saian do papel e se materialicen no territorio. En definitiva, buscamos promover modelos de xestión urbana onde as infraestruturas verdes sexan parte integrante das políticas públicas, contribuíndo a un desenvolvemento local máis sostible, inclusivo e respectuoso co medio".
Pola súa banda, o coordinador David Río salientou o "enfoque práctico" das xornadas, "orientadas a abordar os problemas cos que nos atopamos cando traballamos coa integración da natureza no espazo público e, sobre todo, que sirvan de punto de ancoraxe de cuestións que adoitan ser tan teóricas". Engadiu que será "un espazo de encontro para que entre todos e todas establezamos unha praxe común que faga máis fácil integrar a natureza nos diferentes espazos".
O programa destas xornadas ofrece un enfoque realista e pragmático para responder ás dificultades que moitas veces impiden aos concellos levar a cabo proxectos de infraestruturas verdes. Desde barreiras técnicas e administrativas ata problemas de financiamento e xestión, os encontros teñen como fin crear unha praxe común que faga viables estes proxectos e permita acadar un hábitat máis resiliente e inclusivo.
As xornadas están dirixidas especialmente a persoal técnico e administrativo das áreas de Medio Ambiente, Urbanismo e Planificación, así como a cargos políticos, entidades sociais e profesionais do sector. Abordarán, en tres sesións matinais, os seguintes temas:
- 15 de outubro: Innovación e visión de futuro
- 21 de outubro: Financiamento e Planificación
- 30 de outubro: Implantación e aplicación práctica, con exemplos concretos.
Persoas expertas de recoñecido prestixio participarán en conferencias e mesas redondas para compartir coñecemento e experiencias que axuden a mellorar a habitabilidade dos espazos urbanos e a reducir a vulnerabilidade ante os riscos climáticos. A Deputación da Coruña convida a todas as persoas interesadas a participar nestes encontros para debater e construír xuntos un futuro máis sostible e resiliente.
Pódese consultar máis información e formalizar a inscrición a través da páxina web www.etivcoruna.org