Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsa o I Torneo de Waterpolo Base da man do Club Waterpolo Coruña Rías Altas

O presidente, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, presentaron esta mañá a primeira edición desta competición que nace coa idea de consolidarse como unha cita fixa no calendario
Terá lugar o sábado 4 de outubro na piscina municipal de Riazor, onde se reunirán preto de 80 rapaces e rapazas da categoría alevín pertencentes a clubs de toda Galicia

A Deputación da Coruña impulsa o I Torneo de Waterpolo Base da man do Club Waterpolo Coruña Rías Altas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, o concelleiro de Deportes da Coruña, Manuel Vázquez, e o presidente do Club Waterpolo Coruña Rías Altas, Danick Ramos, presentaron, esta mañá, a primeira edición do Torneo CWC Rías Altas Deputación da Coruña.

Trátase dun evento pioneiro que reunirá o vindeiro 4 de outubro, na piscina municipal de Riazor, a preto de 80 rapaces e rapazas da categoría alevín pertencentes a clubs de toda Galicia. A cita, organizada polo Club Waterpolo Coruña Rías Altas co apoio da Deputación, abrirá a tempada de outono co obxectivo de dar visibilidade a un deporte minoritario e reforzar a súa práctica dende a base, fomentando valores como o compañeirismo, a convivencia e a competitividade.

Do mesmo xeito, preténdese dar a coñecer este deporte entre a afección coruñesa. Por iso, todas as persoas asistentes ao evento, que é aberto ao público, recibirán un agasallo de recordo realizado co selo de ambas as dúas entidades.

A Deputación financia o 80% do custo total da competición cunha achega de 5.534 euros dun orzamento total de 6.917 euros. Valentín González Formoso puxo en valor "a todos os axentes implicados en que se poida cumprir un pequeno soño por parte dun club que se dedica a este deporte en corpo e alma durante 24 horas, incluídas as fins de semana". "Abrazamos todas as iniciativas de calquera club que pretenda fomentar o deporte base, sempre van ter o selo da Deputación da Coruña", salientou.

Danick Ramos agradeceu a colaboración institucional para levar a cabo este evento e fixo fincapé nas "facilidades que nos hemos encontrado en esta ocasión a pesar de que el waterpolo es un deporte bastante complicado, a nivel deportivo y de gestión, y caro". "Espero que sea el primero de muchos", afirmó.

Manuel Vázquez apostou porque este campionato "vai ter un percorrido seguro" e recoñeceu "o traballo que fai o club día a día xa que o deporte é unha escola de vida onde se forma á xente de cara a igualdade e á inclusión". " A Coruña é unha cidade deportiva e é un pracer apoiar este tipo de eventos desde o Concello".

O proxecto, tal e como se sinalou durante a presentación, nace con vocación de continuidade e coa idea de consolidar o torneo como unha cita fixa no calendario deportivo, ampliando nas próximas edicións o número de categorías e clubs participantes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X