A Deputación apoia os programas de inclusión social das persoas migrantes da Asociación Arraianas
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe en Santiago a sede de Arraianas, entidade gañadora dun dos Premios de Boas Prácticas Sociais da Deputación

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou esta mañá a sede da Asociación Arraianas en Santiago para coñecer de primeira man o labor social que desenvolve esta entidade sen ánimo de lucro, especializada na atención integral a persoas migrantes.
Durante a visita, a deputada interesouse polo programa Nnabata, unha das principais liñas de traballo da entidade, que conta co apoio económico da Deputación e foi recoñecido este ano cun dos Premios ás Boas Prácticas en Servizos Sociais da institución provincial.
García Vidal destacou "o compromiso da Deputación coa inclusión social e a igualdade de oportunidades, apoiando proxectos como os que desenvolve Ararianas, que transforman vidas e constrúen unha sociedade máis xusta e integradora".
Apoio xurídico, social e psicolóxico
O programa Nnabata ofrece un acompañamento integral ás persoas migrantes, con especial atención ás que se atopan en situación administrativa irregular e ás mulleres, mediante servizos profesionais nos eidos xurídico, social e psicolóxico.
A atención que presta Arraianas abrangue desde o asesoramento en materia de estranxeiría e protección internacional ata o apoio psicolóxico, pasando pola orientación social para facilitar o acceso a recursos básicos como sanidade, educación, emprego ou vivenda.
O proxecto inclúe tamén grupos de participación social co obxectivo de crear redes de apoio e fomentar a autonomía das persoas usuarias.
Un modelo de atención integral recoñecido
Arraianas traballa desde unha perspectiva de dereitos humanos, interculturalidade e igualdade de xénero, sendo un referente no ámbito social da comarca de Santiago e outros concellos da provincia. A entidade mantén colaboración activa con servizos sociais municipais e outras organizacións sociais como Médicos do Mundo, Provivenda, Arela, Cáritas ou Fundación Ronsel.
O recoñecemento da Deputación mediante os premios ás Boas Prácticas en Servizos Sociais pon en valor a calidade do traballo realizado por Arraianas e reforza a aposta da institución por proxectos que contribúen á inclusión social das persoas migrantes.