A Deputación resalta en Padrón a importancia de programas como o de MercaNaVila para impulsar a economía das vilas
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, e o alcalde Anxo Rei percorreron as rúas do Concello de Padrón animando aos comerciantes a participar na campaña
Máis de 800 establementos da provincia sumáronse xa á campaña MercaNaVila da Deputación, que a partir do luns distribuirá bonos desconto de 100 € para compras nos pequenos comercios e tendas das nosas vilas
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, resaltou hoxe no concello de Padrón a importancia de programas como o de MercaNaVila, impulsado pola Deputación en colaboración coa Federación Galega de Comercio para impulsar o pequeno comercio e a economía das das nosas vilas. Fíxoo durante a visita aos diferentes establecementos comerciais do concello, nas que estivo acomapañada polo alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, e a concelleira de Turismo, Festas e Emprego, Chus Campos.
A deputada explicou que MercaNaVila é un dos maiores programas de impulso ao consumo de proximidade activado en Galicia nos últimos anos. "Estamos a falar de 6 millóns de euros destinados a fomentar as compras nos comercios dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña".
Nese sentido, a deputada insistiu na importancia deste tipo de ferramentas, que "impulsan e amparan aos establecementos que non só representan un piar fundamental para a vida cotiá destes concellos, senón que actúan como motor económico e como xerador de emprego das nosas vilas".
Rosa Ana García explicou que xa hai máis de 800 pequenos negocios da provincia adheridos á campaña MercaNaVila, 23 deles en Padrón, e animou aos comerciantes padroneses a sumarse a unha inciativa coa que a Deputación espera mobilizar 25 millóns de euros en vendas no pequeno comercio das vilas coruñesas.
Descontos de 100€ no comercio local
Os comercios poden adherirse ao programa ata o 20 de outubro ás 9:00 da mañá a través da páxina web de MercaNaVila, onde tamén se lles explica o procedemento de validación dos descontos e o sistema de reembolso.
A cidadanía poderá descargarse os bonos de 100 euros en descontos directos (entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra), a través da páxina web www.mercanavila.gal a partir do 20 de outubro.