Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña colabora na ampliación do Centro de Día de Salgueiriños, que pasa de 26 a 40 prazas, reforzando a atención ás persoas maiores en Santiago

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe o centro, xestionado por Agadea Alzheimer

A Deputación da Coruña colabora na ampliación do Centro de Día de Salgueiriños, que pasa de 26 a 40 prazas, reforzando a atención ás persoas maiores en Santiago

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, participou este xoves na visita institucional ao Centro de Día de Salgueiriños, xestionado por AGADEA Alzhéimer, para coñecer o resultado das obras de ampliación e mellora das instalacións. No encontro tamén estiveron presentes o director xeral de Maiores da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, e a secretaria xeral do IGVS, María Ángeles Domínguez.

A principal novidade presentada foi a ampliación da capacidade do centro de 26 a 40 prazas, un incremento que permitirá atender a un maior número de persoas maiores e con diagnóstico de alzhéimer ou outras demencias na área de Santiago, dando resposta á alta demanda existente e fortalecendo a rede de atención de proximidade. A mellora foi posible grazas á colaboración institucional entre Deputación e Xunta.

Durante a visita, a delegación percorreu as instalacións renovadas, coñeceu o novo equipamento e observou de primeira man o traballo do equipo profesional de AGADEA, especializado na atención centrada na persoa, estimulación terapéutica, intervención cognitiva e apoio ás familias. O persoal explicou o funcionamento da súa programación diaria, que inclúe terapias de estimulación, psicomotricidade, actividades de vida diaria e acompañamento emocional tanto ás persoas usuarias como ás súas familias.

A deputada provincial Mar García destacou que esta ampliación "é un paso adiante na consolidación de servizos de proximidade que melloran a calidade de vida das persoas maiores". Subliñou que "os servizos sociais non son un complemento, son unha prioridade; e investir neles é investir en dignidade, acompañamento e benestar". Tamén puxo en valor o traballo de AGADEA: "Son un exemplo de profesionalidade, humanidade e compromiso constante coas familias".

Pola súa banda, María Ángeles Domínguez resaltou "o compromiso do IGVS con AGADEA para mellorar o labor da organización no día a día", mentres que Antón Acevedo puxo o foco na coordinación institucional: "É fundamental unir esforzos para ampliar recursos especializados como este, que permiten unha atención integral e centrada na persoa".

A presidenta de AGADEA, Isabel Gey, agradeceu o apoio das administracións e sinalou que esta ampliación "supón un avance esencial para dar resposta á crecente demanda e reforzar os servizos de atención e acompañamento".

O Centro de Día de Salgueiriños é un referente na atención terapéutica ás persoas con demencia, cun modelo baseado na estimulación cognitiva, a socialización e o traballo multidisciplinar. A ampliación das prazas permitirá chegar a máis familias, mellorar a conciliación e ofrecer un recurso máis accesible, próximo e humano para a cidade de Santiago e a súa contorna.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X