A Deputación defende a súa aposta polo valor turístico e económico do Camiño Fisterra-Muxía
O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, inauguraron este sábado o III Foro de Internacionalización do itinerario xacobeo da Costa da Morte
O goberno provincial achega cada ano 150.000 euros de recursos á Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía
O Parador da Costa da Morte, en Muxía, acolle hoxe o III Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra-Muxía, un encontro, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía en colaboración coa Deputación da Coruña, que este ano pon o foco na expansión e internacionalización da ruta e os retos de cara ao Ano Xacobeo 2027.
O vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, e o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, inauguraron unha xornada na que tamén se debate sobre proxectos dos concellos que transforman o territorio; o labor das técnicas de turismo municipais, que son maioría; a visión internacional dos modelos de comunicación, promoción e cooperación transfronteiriza de Irlanda, Reino Unido e Portugal; cultura, comunidade e innovación, e financiamento para o turismo sostible.
Acompañaron os deputados no acto de apertura a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía e concelleira de Turismo de Cee, María Luisa Rodríguez; o director da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, e o alcalde de Muxía, Javier Sar.
Despois dos saúdos oficiais, María Luisa Rodríguez entregoulle a Carlos Berdullas, da asociación de veciños da Ponte Maceira, o premio 'Ti fas Camiño', que recoñece a defensa dos valores esenciais da ruta xacobea entre Fisterra e Muxía.
Co horizonte do Xacobeo 2027, Xosé Regueira reflexionou sobre os retos que deberá afrontar o sector. "Eu agardo", desexou, "que sexa outro ano récord; no económico pero tamén para o sector turístico". "Pero temos que ver tamén onde están as dificultades e que debemos facer para superalas". "Este Camiño, e sobre todo Fisterra", afirmou, "vai a ser un dos puntos onde se poña en marcha unha cuestión para nós fundamental, que é empezar a facer intelixencia turística: a recoller datos para saber despois que facer con eles e que estratexia marcar para que os proxectos se consoliden".
Segundo eses datos, que os alcaldes dos concellos da ruta xacobea costeira xa lle transmitiron ao vicepresidente, polo Camiño Fisterra-Muxía pasan 300.000 peregrinos e peregrinas. Isto obriga as Administracións públicas a deseñaren estratexias para que estes visitantes tamén deixen un retorno económico nos concellos, que ademais son pequenos, de maneira que poidan ofrecer mellor servizo e e tamén mellorar a experiencia das persoas visitantes.
Para Regueira é tamén fundamental "unha boa conectividade cos estados emisores, aos que lles interesa este tipo de produto". "Se unha persoa dose Estados Unidos ten que facer dous transbordos e vai a tardar doce horas en chegar aquí, ao mellor decide ir a outro lado", argumentou. "Polo tanto, eu creo que un dos retos do Camiño, e máis se falamos de internacionalización, é a conectividade aérea".
Para afrontar eses retos, "a Deputación da Coruña sempre vai estar aí", sentenciou. "Levamos apostando durante moitísimos anos por este Camiño que é un Camiño que comeza e remata na nosa propia provincia, e achegamos cada ano 150.000 euros de recursos para que a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía poida xestionar o máis profesionalmente posible este itinerario".
Antonio Leira reafirmou esa aposta da administración provincial polo Camiño Fisterra-Muxía. "Desde a Deputación levamos anos abrindo camiño, un camiño que iniciamos cun traballo de convicción, de constancia, para impulsar realmente un dos tesouros máis grandes que temos". "E seguiremos apostando por el: apostando por un valor patrimonial, por un enorme potencial turístico, e, sobre todo, polas persoas que estades no territorio e que facedes posible todo isto".
"Ao longo deste anos", dixo o deputado, déronse pasos firmes, con apoios aos concellos, a promoción conxunta dentro e fóra de Galicia, e tamén cunha estratexia sostida que entendemos que é a esencia do Camiño: un Camiño que é unha experiencia humana, pero tamén é turismo, é patrimonio, é cultura, e tamén é economía". "Grazas a ese traballo", rematou, "hoxe o camiño Fisterra-Muxia está en alza, e sabemos que está a reforzar esa identidade, dinamizando a economía local dos concellos por onde pasa, e tamén sabemos que é unha alternativa cada vez máis atractiva para os peregrinos que nos visitan".
