O Pazo de Mariñán acolle a Asemblea Xeral de ASPANAES coa participación da deputada de Política Social, Mar García Vidal
O Pazo de Mariñán acolleu hoxe a Asamblea Xeral de ASPANAES, unha cita anual clave para a entidade e para as familias ás que presta apoio, na que se fixo balance do traballo realizado durante o último ano e se presentaron os retos e liñas estratéxicas para o próximo período.
A sesión contou coa participación da deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, quen reiterou o compromiso da institución provincial coa mellora da calidade de vida das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e das súas familias.
Durante o encontro, García Vidal destacou o papel fundamental que desempeña ASPANAES na provincia da Coruña como entidade de referencia na atención, acompañamento e inclusión das persoas con TEA. Subliñou que o seu labor "é esencial para que moitas familias conten co apoio profesional, educativo e terapéutico que precisan", e agradeceu o traballo do equipo técnico e das persoas voluntarias que forman parte da asociación.
A deputada puxo en valor a colaboración permanente entre a Deputación e ASPANAES, lembrando que a institución provincial apoia con máis de 260.000 euros as obras de reforma da nova sede da ASPANAES na Torre Helios, no entorno do centro comercial Espacio Coruña, un local de 510 metros cadrados que dará servizo a máis de 260 familias na área coruñesa.
Ao longo da Asemblea Xeral, a entidade expuxo os avances conseguidos nos últimos meses, así como as melloras implantadas nos diferentes centros e servizos. A dirección tamén presentou os proxectos en marcha, orientados a reforzar o acompañamento ás familias, ampliar programas de intervención temperá e continuar promovendo a autonomía persoal e a inclusión social das persoas con TEA.
ASPANAES destacou que o apoio institucional resulta clave para manter e reforzar iniciativas que permiten ofrecer unha atención cada vez máis especializada e adaptada ás necesidades das persoas usuarias.
