A Deputación da Coruña destaca a forza cultural do Barbanza nos Premios Barbantia 2025
Formoso destacou o carácter de Barbantia como "revulsivo cultural" e "exemplo de cidadanía comprometida", capaz de apoiar novos creadores e impulsar a cultura na comarca
O pintor ribeirense Antonio Pérez, o artista, escritor e crítico de arte Manuel Olveira, e o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal foron os galardoados desta edición
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na Casa da Cultura de Porto do Son na entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2025, unha cita xa plenamente consolidada que volve poñer de manifesto a vitalidade creativa e o talento do Barbanza.
Durante a súa intervención, Formoso subliñou o intenso labor da asociación Barbantia, á que agradeceu o seu "compromiso, constancia e papel esencial na vida cultural da comarca". Lembrou que a entidade naceu da iniciativa dun grupo de amigos e amigas vinculadas á creación cultural que decidiron soñar en grande e construír un espazo común no que as ideas e a cultura puidesen circular libremente. Ao longo dos anos, ese soño consolidouse, derrubando fronteiras municipais e actuando como plataforma de encontro entre institucións, concellos, artistas e entidades.
O presidente destacou o carácter de Barbantia como "revulsivo cultural" e "exemplo de cidadanía comprometida", capaz de apoiar novos creadores e ofrecer soporte e orientación a quen inicia a súa traxectoria artística.
Formoso incidiu tamén no compromiso da Deputación coa cultura como dereito e como ferramenta de cohesión social, lembrando o funcionamento da Rede Cultural, que garante programación anual en toda a provincia cun investimento superior aos dous millóns de euros. Aposta, dixo, "por unha cultura accesible, diversa, aberta e transformadora", guiada por principios como a igualdade, a memoria, a lingua e a transparencia.
Na súa intervención, o presidente felicitou os galardoados desta edición dos Premios Barbantia: o pintor ribeirense Antonio Pérez, o artista, escritor e crítico de arte Manuel Olveira, e o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, destacando que as súas traxectorias e proxectos representan "a forza colectiva da cultura" e contribúen a proxectar o Barbanza como un territorio cultural cun futuro prometedor.
Formoso concluíu reafirmando o compromiso da Deputación da Coruña en seguir apoiando a creación e a vida cultural da comarca: "A Deputación seguirá ao voso lado, defendendo e promovendo esa forza cultural que nos define".
