A Deputación da Coruña recoñece o liderado feminino como “motor de innovación e emprego” na Gala Premios Empresarias Galicia 2026
Mercedes Toscano, Lucía Freitas, Olalla Cuiña, Virginia Pozo e Luz Pardo, premiadas na Gala dos Premios Empresarias Galicia
"O voso exemplo anima a outras mulleres a emprender", afirma a deputada de Emprego, Rosa Ana García
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta noite na Gala de entrega dos Premios Empresarias Galicia, que se celebrou no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, nunha cita destinada a poñer en valor o talento e o liderado das mulleres no ámbito empresarial galego.
Durante o acto, García destacou que o emprendemento feminino en Galicia "é cada vez máis sólido e máis visible", lembrando que no ano 2025 as mulleres representaron arredor do 36 % das persoas traballadoras autónomas na comunidade, unha cifra en constante crecemento que reflicte a presenza cada vez maior das mulleres á fronte de proxectos propios.
A deputada subliñou que o liderado feminino non se mide só en cifras ou resultados económicos, senón "na forma de entender a empresa, combinando innovación, responsabilidade social e compromiso coas persoas que forman parte del". Segundo Rosa Ana García, as empresarias galegas "lideran con valores como a empatía e a colaboración, sen perder a ambición e a visión de futuro, e constrúen proxectos que deixan unha pegada duradeira na sociedade e na economía".
O discurso tamén resaltou o papel do Plan de Emprego Local (PEL) e da Rede Provincial de Coworkings da Deputación da Coruña como instrumentos de apoio ao emprendemento feminino: "Máis do 50 % das axudas do PEL destináronse a empresas dirixidas por mulleres e, nos 12 centros de coworking distribuídos pola provincia, as mulleres tamén impulsan a maioría dos proxectos emprendedores", destacou García, lembrando que estes recursos serven para acompañar ás emprendedoras no seu camiño e apoiar o crecemento das súas ideas de negocio.
As premiadas desta edición – Mercedes Toscano, Lucía Freitas, Olalla Cuiña, Virginia Pozo e Luz Pardo – representan o talento, a visión e a capacidade de liderado das mulleres empresarias galegas, cada unha nun sector diferente, desde a innovación e a industria ata a gastronomía e o comercio. "O seu exemplo non só anima outras mulleres a emprender, senón que tamén define como se xestiona unha empresa: con coraxe, intelixencia e visión", subliñou García.
