Estás en:Emprego

A Deputación defende o encargo a TRAGSA das obras da DP-2302 para garantir o seu remate inmediato tras cinco anos paralizada polo abandono da empresa adxudicataria

A institución provincial rexeita as críticas de APECCO e lembra que o 99% das súas obras se licitan mediante procedementos públicos abertos


A Deputación anuncia que recorrerá a medios propios sempre que sexa necesario para defender o interese público e ofrecer solucións eficaces á cidadanía

A Deputación defende o encargo a TRAGSA das obras da DP-2302 para garantir o seu remate inmediato tras cinco anos paralizada polo abandono da empresa adxudicataria

A Deputación da Coruña rexeita as críticas formuladas por APECCO en relación co encargo á empresa pública TRAGSA, como medio propio instrumental, do remate das obras da estrada DP-2302 no tramo Hospital–Brens, en Dumbría. A decisión responde á necesidade de poñer fin a unha situación excepcional que se prolongou durante máis de cinco anos tras o abandono das obras por parte da empresa privada adxudicataria inicial.

A paralización da obra derivou nun longo e complexo proceso administrativo e xudicial que supuxo un importante custo para a institución provincial, tanto en termos económicos como de tempo. Durante este período, os veciños e veciñas e as persoas usuarias da vía tiveron que convivir cunha estrada a medio facer, que foi deteriorándose co paso dos anos e xerando evidentes riscos de seguridade vial.

O proxecto fora adxudicado a finais de 2020 por un importe de 826.753 euros. O paso do tempo, a necesidade de amañar os defectos da obra e actualizar as actuacións pendentes e o forte incremento dos custos dos materiais de construción rexistrado nos últimos anos elevaron o investimento necesario ata os 1,7 millóns de euros actuais.

Ante este escenario, a Deputación optou polo encargo a TRAGSA ao consideralo o mecanismo máis áxil e garantista para asegurar a execución inmediata e efectiva da obra, evitando novos atrasos derivados dun novo procedemento de licitación e garantindo o remate definitivo e urxente dunha infraestrutura prioritaria para a seguridade viaria da comarca.

A institución provincial lembra que o 99% das obras que promove se licitan mediante procedementos públicos abertos e competitivos, cunha elevada concorrencia de empresas contratistas. O recurso a un medio propio constitúe, polo tanto, unha medida puntual e extraordinaria, adoptada tras cinco anos de bloqueo que prexudicaron directamente á cidadanía. Neste caso concreto, o seu encargo representa unha garantía de execución rápida e eficaz para resolver unha situación que non podía prolongarse por máis tempo.

Recorrer a medios propios sempre que sexa necesario para defender o interese público

A Deputación mantén o seu compromiso coa contratación pública aberta como regra xeral de actuación. Con todo, anuncia que seguirá recorrendo a medios propios sempre que sexa necesario para defender o interese público, asegurar a finalización das obras e evitar que actuacións estratéxicas queden paralizadas durante anos en prexuízo da cidadanía.

Así mesmo, a institución manifesta a súa sorpresa ante o feito de que a dirección de APECCO cuestione o único encargo puntual realizado pola Deputación nos últimos anos a TRAGSA, mentres non formula críticas públicas polas reiteradas actuacións que outras administracións, como a Xunta de Galicia, realizan habitualmente a través de medios propios como TRAGSA ou SEAGA.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X