A Deputación reafirma o seu apoio á cultura coa colaboración no filme 'As liñas descontinuas'
O filme conta coa colaboración da Deputación da Coruña, que mantén así o seu apoio á creación audiovisual galega e á promoción da cultura propia, contribuíndo ao impulso dun sector estratéxico para a difusión da lingua e da produción cultural do país.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este xoves na preestrea do filme As liñas descontinuas, celebrada nos Cines Cantones da Coruña, nun acto que reuniu o equipo da película e numerosas persoas do ámbito cultural galego.
A longametraxe, escrita e dirixida por Anxos Fazáns, tivo a súa première na cidade herculina antes da súa chegada ás salas comerciais, tres meses despois da súa estrea mundial na competición oficial do certame Black Nights de Talín (Estonia). Ao evento asistiu practicamente todo o equipo do filme, así como representantes do sector cultural e audiovisual.
As liñas descontinuas, segunda longametraxe de ficción da cineasta tras A estación violenta (2017), é un drama intimista rodado integramente en galego e protagonizado por Mara Sánchez e Adam Prieto. A película aborda a relación entre Bea, unha muller de 50 anos en proceso de divorcio, e Denís, un mozo trans que afronta unha situación de precariedade laboral, cuxo encontro transforma a vida de ambos.
O filme conta coa colaboración da Deputación da Coruña, que mantén así o seu apoio á creación audiovisual galega e á promoción da cultura propia, contribuíndo ao impulso dun sector estratéxico para a difusión da lingua e da produción cultural do país.
Tras a proxección tivo lugar un coloquio coa directora Anxos Fazáns, a produtora Silvia Fuentes e os actores Adam Prieto e Mara Sánchez, moderado pola artista Aida Tarrío. A película inicia agora a súa exhibición en salas de cinema de diferentes cidades galegas e do resto do Estado.
