A Deputación leva a Cerceda modelos de gastronomía circular vinculados á Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle
Gastrolab Arousa e Horta da Lousa compartiron as súas experiencias nun encontro centrado na valorización do produto local e a economía circular
A iniciativa forma parte do Plan de sostibilidade turística en destino da Vía Verde financiado con fondos NextGenerationEU
A Deputación da Coruña desenvolveu no Viveiro Empresarial de Cerceda a segunda xornada dos Encontros de Emprendemento Turístico Sostible e Gastronomía Circular, unha iniciativa orientada a impulsar novas oportunidades de desenvolvemento económico arredor da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle.
O encontro reuniu profesionais do sector turístico, persoas emprendedoras e axentes do territorio con interese en explorar modelos de negocio baseados na sostibilidade, a economía circular e a posta en valor do produto local.
Na xornada participaron Gastrolab Arousa e Horta da Lousa, que compartiron as súas experiencias como exemplos de iniciativas que apostan pola produción de proximidade, a innovación gastronómica e o aproveitamento sostible dos recursos do territorio. A sesión incluíu tamén un showcooking con degustación no que se puxeron en valor produtos locais e técnicas culinarias vinculadas á gastronomía circular.
O deputado provincial Antonio Leira destacou que "a Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle representa unha oportunidade para xerar novas actividades económicas vinculadas ao turismo sostible, á gastronomía e ao produto de proximidade". Segundo sinalou, "este tipo de iniciativas permiten conectar o turismo co territorio, apoiar ás pequenas empresas locais e crear novas oportunidades de emprego no rural".
Estas xornadas forman parte das accións incluídas no Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, financiado con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – NextGenerationEU.
O obxectivo destas actividades é reforzar a competitividade do tecido empresarial local, favorecer a creación de sinerxías entre proxectos do territorio e impulsar un modelo turístico sostible baseado na identidade local, no consumo de proximidade e no respecto polo medio.
