Xosé Penas destaca na presentación da Mostra de Cinema Etnográfico a «ollada diferente» dun evento que fala «de todo o que somos»
O deputado de Patrimonio subliñou na presentación da MICE que o evento nos ensina «a pensar, a ser críticos, a revisar conceptos no pensamento e na experimentación a través dunha linguaxe universal»
Incidiu tamén na fortaleza do sector audiovisual galego como «forma de expresión e pensamento creativo para expoñer a nosa realidade como pobo»
A Deputación da Coruña participou esta mañá na presentación da XXI edición da MICE - Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que conta co patrocinio da institución e terá lugar do 10 ao 15 de marzo en distintos espazos de Santiago de Compostela. No acto tomaron a palabra o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas Corral; da concelleira de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; da presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e dos membros da dirección da MICE, Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro.
Durante a súa intervención, o deputado destacou que a Mostra chega á súa vixésimo primeira edición «realmente asentada dentro da programación cultural e diría que patrimonial do concello e da comarca de Compostela», e subliñou a importancia de contar cun festival que achega «unha ollada diferente, tanto nas formas como no fondo», centrada no enfoque etnográfico e antropolóxico. Penas puxo en valor que a MICE fale «de todo o que somos» desde diferentes perspectivas, nacionais e internacionais, buscando puntos de encontro «tan necesarios nestes convulsos tempos».
O deputado incidiu tamén na fortaleza do sector audiovisual galego como «forma de expresión e pensamento creativo para expoñer a nosa realidade como pobo», e salientou a colaboración co mundo académico e co tecido audiovisual, desde o máis pequeno ata o máis grande, convertendo as súas experiencias nas temáticas que chegarán ás pantallas nesta edición.
Como exemplo, referiuse á estrea da peza Redeiras, ao redor dos oficios do mar, da transmisión e da historia, «levando á pantalla parte do noso patrimonio». Así mesmo, asegurou que a MICE «ensínanos a pensar, a ser críticos, a revisar conceptos no pensamento e na experimentación a través dunha linguaxe universal», nun contexto global no que, máis alá das fronteiras, moitas historias resultan máis próximas do que imaxinamos.
Programación
A Mostra desenvolverase do 10 ao 15 de marzo en varios espazos da cidade, entre eles o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, Numax, o CGAC e a Fundación Eugenio Granell. A sesión inaugural terá lugar o martes 10 de marzo ás 20:30 horas no Teatro Principal, coa proxección de Redeiras, creación de Acacia Ojea en colaboración con Arancha Brandón centrada no oficio das redeiras da Guarda, e incluirá tamén unha proxección sorpresa.
A edición deste ano abre unha nova etapa organizativa e visual baixo a coordinación do colectivo Memoria e Cinema, mantendo o Museo como entidade promotora.
