Estás en:Emprego

Natividade González subliña o «sector diverso e vivo» do teatro ante os finalistas dos Premios María Casares

Durante a celebración, a deputada de Cultura destacou «o enorme talento do noso teatro»

González felicitou ademais «as finalistas por facer medrar, ano tras ano, o noso ecosistema teatral»

Natividade González subliña o «sector diverso e vivo» do teatro ante os finalistas dos Premios María Casares

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou o mércores na Festa de Finalistas da 30.ª edición dos Premios de Teatro María Casares, celebrada na cafetería do Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela. No transcurso do acto, que comezou ás 20:20 horas coa presentación da actriz Chus Álvarez, González foi a encargada de entregar dous dos galardóns da gala de finalistas: o de mellor dirección de movemento e o de mellor dirección.

Durante a celebración, a deputada destacou «o enorme talento do noso teatro» e sinalou que «é unha ledicia compartir este momento cun sector diverso e vivo, onde conviven compañías emerxentes e outras xa consolidadas, todas elas cheas de ilusión e compromiso coa escena galega». González felicitou ademais «as finalistas por facer medrar, ano tras ano, o noso ecosistema teatral» e reiterou que «desde a área de Cultura da Deputación da Coruña seguimos apoiando á Asociación de Actores e Actrices de Galicia».

Un total de 17 espectáculos competirán como finalistas nesta 30.ª edición dos premios, nos que se entregarán 16 galardóns durante a gala prevista para o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Entre as montaxes con maior número de candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con once finalistas; a serie Clopen, do Centro Dramático Galego, con dez; e TROMSØ, de Morraoconto, con sete. Estes tres espectáculos competirán polos premios a mellor espectáculo, mellor dirección e mellor dirección de movemento.

Xunto a estas producións figuran tamén entre as finalistas montaxes como Un deus salvaxe, de Talía Teatro, con catro candidaturas, ou Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro, con tres. Outras propostas como Alta costura, de Elefante Elegante; Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú; ou O libro da selva, o musical, de Ártika Cía, compiten en dúas categorías, mentres que diversas montaxes optan a un único galardón nas diferentes modalidades dos premios.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X