Estás en:Emprego

A Deputación deseña na Capela o futuro da Rede Provincial de Coworking, que xa suma 12 centros de emprendemento en toda a provincia

A reunión de coordinación dos centros serviu para para definir o futuro a medio e longo prazo dos espazos de traballo colaborativo

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca o papel destes centros para crear oportunidades, fixar poboación no rural e reter talento

A Deputación deseña na Capela o futuro da Rede Provincial de Coworking, que xa suma 12 centros de emprendemento en toda a provincia

O Coworking A Capela acolleu onte unha reunión técnica de coordinación da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, un encontro que serviu para analizar os resultados acadados nestes primeiros meses do ano e definir as actuacións que se desenvolverán nos vindeiros meses.

Durante a xornada, o persoal xestor dos diferentes espazos participou nunha reflexión estratéxica destinada a sentar as bases de funcionamento da rede a medio e longo prazo. Actualmente, esta infraestrutura provincial conta con 12 centros de traballo colaborativo distribuídos por toda a provincia, configurando un ecosistema de apoio ao emprendemento e á innovación.

O rural como motor de innovación

A elección do Coworking A Capela como sede da reunión puxo de manifesto o papel que xogan estes espazos para impulsar o emprendemento no rural coruñés. A rede nace precisamente coa vocación de garantir que calquera persoa con unha idea de negocio poida desenvolvela en igualdade de condicións, viva onde viva, contando con infraestruturas modernas e apoio técnico especializado.

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, foi a encargada de pechar o encontro, agradecendo o traballo do persoal técnico que xestiona os centros. Segundo destacou, "a Rede Provincial de Coworking converteuse nun verdadeiro ecosistema de apoio ao emprendemento que axuda a crear emprego, fixar poboación no rural e reter talento nos nosos concellos".

Coordinación e novos retos

A reunión permitiu tamén analizar os principais retos da rede a curto, medio e longo prazo, así como avanzar na creación de novas dinámicas de colaboración e difusión conxunta entre os centros.

Entre outras iniciativas, presentouse unha proposta para organizar unha xornada de networking entre as persoas emprendedoras que forman parte da rede, co obxectivo de fomentar sinerxías e proxectos compartidos. Tamén se abordou un borrador de Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de xénero, reforzando o compromiso destes espazos coa igualdade e coa creación de contornas profesionais seguras.

Integrada no Plan de emprego local (PEL) da Deputación da Coruña, a Rede Provincial de Coworking continúa consolidándose como un dos instrumentos máis innovadores de apoio ao emprendemento en Galicia.

Na actualidade forman parte da rede 12 espazos de traballo colaborativo situados en diferentes puntos da provincia e especializados en distintos sectores, que van desde o urbanismo á transformación alimentaria ou as enerxías renovables: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o Coworking A Capela, o Centro de Emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o Coworking Dixital CCompostela (Santiago), a Casa do Pescador (Miño) e o Centro de Transformación Alimentaria de Baroña (Porto do Son).

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X