Estás en:Emprego

A Deputación presenta un proxecto para facer máis accesíbel e inclusiva a súa Rede Cultural

Natividade González subliña que «unha cultura que non é accesíbel, non é verdadeiramente pública»

Cómpre «pasar das intencións ás accións concretas», expresou a deputada de Cultura na presentación da iniciativa

A Deputación presenta un proxecto para facer máis accesíbel e inclusiva a súa Rede Cultural

A Deputación da Coruña presentou esta mañá un proxecto orientado a facer máis accesíbel e inclusiva a Rede Cultural da institución, co obxectivo de garantir que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, poidan participar en igualdade nas propostas culturais. No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo; e a coordinadora da actividade, Carme Giráldez.

Durante a presentación, González explicou que a iniciativa nace «cun obxectivo moi claro: facer que a cultura na provincia da Coruña sexa realmente accesíbel para todas as persoas», porque ademais dun dereito «é tamén como unha responsabilidade pública».

A deputada salientou, ademais, que este reto require dunha acción compartida, xa que «ningunha administración pode facelo soa», polo que considerou necesario o traballo conxunto entre a Deputación, os concellos e o conxunto do sector cultural para garantir a participación en igualdade de condicións.

A iniciativa responde á necesidade de adaptar o actual modelo da Rede Cultural ás novas esixencias en materia de cultura inclusiva, promovendo un acceso efectivo á programación cultural impulsada pola institución provincial. Neste sentido, González subliñou a importancia de «pasar das intencións ás accións concretas» e avanzar cara a unha accesibilidade real.

A proposta avanza cara a un enfoque máis transversal, no que a accesibilidade non sexa un elemento puntual, senón un criterio estrutural presente na planificación, na produción e na mediación cultural. O proxecto desenvolverase ao longo de 2026 e procura «converter a accesibilidade nunha práctica real dentro da Rede Cultural» —incidiu a deputada— contando coa participación de todos os axentes implicados, incluídas as propias persoas con discapacidade.

Diálogo e sensibilización

Neste marco, a presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo, explicou que esta iniciativa xorde a partir dun grupo de traballo «que botamos a andar hai un par de anos», que permitiu dar os primeiros pasos «grazas a formacións específicas». Coida, ademais, «unha oportunidade ilusionante» a posibilidade de colaborar neste proxecto coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

De Lorenzo destacou tamén que a proposta combina encontros de sensibilización e diálogos «en curto» con persoas que padecen barreiras de acceso á Rede Cultural, con persoal técnico municipal e coas propias compañías artísticas, co fin de «sensibilizar e dotar todas estas partes de ferramentas útiles» e conseguir que a accesibilidade «sexa unha realidade na Rede Cultural nun futuro próximo».

Proxecto a desenvolver en tres fases

Pola súa banda, Carme Giráldez explicou que o proxecto constará de tres fases. As dúas primeiras, de sensibilización e de formación, estarán dirixidas ao persoal municipal vinculado á Rede Cultural, mentres que a terceira estará orientada ás compañías teatrais que queiran implementar medidas de accesibilidade no seu traballo.

O proxecto desenvólvese coa participación de tres entidades principais encargadas de distintas áreas de execución. A compañía Chévere Producións asume o deseño metodolóxico, a dinamización e o asesoramento; a asociación profesional Escena Galega encárgase da produción e da coordinación técnica; e a coordinación xeral recae en Carme Giráldez.

Finalmente, González destacou o enfoque participativo da iniciativa, sinalando que a accesibilidade «non se deseña só desde os despachos, constrúese escoitando e traballando en común», e fixou como obxectivo «deixar capacidade instalada na Rede Cultural, ferramentas útiles e unha maneira diferente de entender a cultura pública», máis aberta, inclusiva e representativa da diversidade social.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X