Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia a 13.ª edición do Carballo Interplay, que programará 32 actividades ao redor da cultura dixital contemporánea

O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, participou na presentación do festival, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo

A cita reafirma o seu lugar como espazo de referencia para pensar o ecosistema dixital desde dentro

A Deputación da Coruña apoia a 13.ª edición do Carballo Interplay, que programará 32 actividades ao redor da cultura dixital contemporánea

O Carballo Interplay presentou hoxe os contidos da súa XIII edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo cun total de 32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea. No acto participou o vicepresidente da Deputación da Coruña e concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, Xosé Regueira, xunto ás directoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López.

A cita reafirma o seu lugar como espazo de referencia para pensar o ecosistema dixital desde dentro, cunha proposta que mantén o vínculo afectivo con internet como lugar de creatividade, identidade e comunidade, ao tempo que introduce unha ollada crítica sobre a saturación, os algoritmos, a precariedade e as novas formas de consumo cultural na rede.

Nese marco, o festival sitúa tamén no centro a creación dixital galega, a través dos seus premios e de actividades formativas e educativas pensadas para fomentar novas prácticas creativas en galego e un uso máis consciente das redes sociais.

Ao longo destes catro días, Carballo converterase ademais no punto de encontro dalgunhas das voces galegas máis recoñecíbeis do ecosistema dixital, como Raquel Piñeiro, Marina G. Canedo, Zeltia e Lúa Mosquera, Salseología ou Autoenfoque.

Durante a presentación, Xosé Regueira salientou a importancia de comprender o que acontece no ámbito dixital para poder distinguir os seus efectos positivos e negativos, sinalando que «un dos obxectivos da sociedade tamén é entender o que pasa no ámbito dixital para saber tamén diferenciar o que pode ser bo e o que pode ser malo, como na vida mesma. E no mundo dixital hai cousas moi boas».

O vicepresidente provincial puxo en valor a traxectoria do evento e o seu carácter pioneiro, lembrando que «naceu primeiro como un festival de webseries, algo que todo o mundo entendía como un irmán menor ou como un ámbito menor da creación, do cinema e tal. Daquela era, foi, unha decisión arriscada». Neste sentido, destacou a súa evolución ao longo do tempo, subliñando que o Carballo Interplay soubo adaptarse aos cambios tecnolóxicos e mesmo superar momentos complexos como a pandemia, consolidándose como un espazo de debate arredor da sociedade dixital.

Así, incidiu en que «a capacidade do Interplay, a da súa dirección e a da súa equipa, foi tamén evolucionando co tempo. Pasáronnos moitas cousas, pasounos mesmo a pandemia polo medio. Pero como se evolucionou, a evolución cara ás webseries, cara aos contidos dixitais, pero hoxe por hoxe tamén é un espazo de debate, un espazo de debate onde se fala do que pasa na sociedade e que tal reflexo ten tamén no ámbito dixital».

Regueira salientou tamén o papel do galego como lingua vehicular do festival, nun espazo aberto e inclusivo no que conviven diferentes linguas sen conflito, e subliñou a capacidade do evento para situar Carballo no mapa internacional da creación dixital. Neste sentido, apuntou que o Carballo Interplay demostra que desde un concello como Carballo é posibel marcar axenda no ámbito dixital e competir con grandes capitais, converténdose nunha referencia para creadoras e creadores de contido.

Programación

O programa combina entretemento, reflexión e comunidade, con contidos que abranguen desde a cultura pop e os formatos nados en internet ata a análise dos cambios sociais e culturais que atravesan a rede. Un dos sinais de identidade desta edición é tamén o lugar central do galego, presente tanto nas actividades de conversa e análise como nos certames dedicados á creación e produción de contido dixital.

A Sección Oficial contará con 19 series, das que 17 son internacionais e proceden de dez países, reforzando o perfil do Carballo Interplay como escaparate para novas voces e narrativas do audiovisual dixital. A programación inclúe tamén dúas presentacións especiais: a preestrea en Galicia de Millennial Mal, creada e dirixida por Lorena Iglesias, e Epidemia Invisible, proxecto gañador da pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, unha serie documental creada por Román Varela arredor da experiencia da saúde mental en primeira persoa.

Outra das liñas destacadas serán os shows e podcast en directo, con propostas que levan ao escenario linguaxes e formatos propios do ecosistema dixital, así como actividades formativas e espazos de análise como a Zona PRO, que abordará cuestións de actualidade como o impacto da intelixencia artificial nos medios dixitais, o momento do podcast en España ou as novas voces informativas nun contexto marcado polos algoritmos.

O festival volverá recoñecer tamén a creación na rede en galego a través dos seus distintos certames, entre eles o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3.000 euros, e os Premios de Creación Dixital en Galego, que distinguen a mellor canle e a mellor creadora ou creador con 600 euros en cada categoría.

O Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo, con produción e dirección de Cósmica, e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X