Estás en:Emprego

Regueira destaca na inauguración de Pata Pata a importancia do turismo de animais de compañía

Case un terzo dos hoteis coruñeses aceptan mascotas, sinalou o vicepresidente da Deputación

«Temos que avanzar en educación cívica e en políticas públicas que garantan o benestar animal e a convivencia nos espazos urbanos», apuntou Xosé Regueira

Regueira destaca na inauguración de Pata Pata a importancia do turismo de animais de compañía

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este mediodía na inauguración da feira Pata Pata 2026, que se celebra en Expocoruña como un espazo de encontro ao redor do benestar animal e do papel crecente das mascotas na sociedade actual. A institución provincial é o principal patrocinador do evento, que na pasada edición reuniu preto de dez mil persoas na cidade.

Xosé Regueira interveu no acto de apertura xunto a representantes institucionais e do sector, e puxo en valor a relevancia social deste fenómeno. «As mascotas non son bens de consumo, senón parte das nosas vidas e das nosas familias», afirmou.

Neste sentido, lembrou que os datos estatais sinalan que case dous terzos dos fogares conviven con animais de compañía, e que un terzo dos hoteis coruñeses aceptan mascotas. Esta realidade, apuntou, responde a cambios profundos nos modelos sociais e nas relacións afectivas. «Este non é un fenómeno puntual, é un signo dos tempos que fala de como evolucionan as nosas prioridades e vínculos», engadiu.

Durante a súa intervención, Regueira explicou que factores como a dixitalización, a mobilidade ou a evolución das estruturas familiares están a impulsar este crecemento, e apuntou que «nas nosas vilas e cidades o número de animais de compañía censados supera xa o de menores de 14 anos», un dato que evidencia a transformación da sociedade.

O vicepresidente incidiu tamén nos retos que leva aparellado este cambio, lembrando que a tenza de animais implica responsabilidade, coidados e compromiso a longo prazo. «Temos que avanzar en educación cívica e en políticas públicas que garantan o benestar animal e a convivencia nos espazos urbanos», sinalou.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X