A Deputación apoia con 463 394 euros a actividade cultural de 120 entidades da provincia
A entidade provincial vén de facer pública a resolución provisional do programa FO213/2026, destinado a corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de gran formato
A Deputación da Coruña vén de facer pública no BOP a resolución provisional da convocatoria de subvencións do programa FO213/2026, destinado a corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de gran formato. A entidade apoia con 463 394 euros a actividade cultural no ano 2026 dun total de 120 entidades da provincia.
Nesta resolución, o importe máximo concedido ascende a 13 500 euros, mentres que a contía mínima é de 1500 euros.
A deputada de Cultura, Natividade González, manifestou que o obxecto destas axudas é «fomentar a promoción de actividades e investimentos nos campos da música tradicional e popular, adaptándonos ás necesidades destas entidades e colectivos culturais, que son pezas chave na dinamización sociocultural dos nosos concellos e que fan un moi importante labor de formación musical de base, transmisión de valores culturais e cohesión social».
González concluíu que é fundamental contribuír a entidades que «apoien claramente a diversidade cultural e garantan o dereito á produción e ao acceso cultural no noso idioma».
Listaxe de entidades beneficiarias
No BOP n.º 70 detállanse as 120 entidades que figuran na proposta de concesión provisional.
