A Deputación impulsa con 330.000 euros o traballo de 22 asociacións medioambientais da provincia
A institución provincial publica hoxe as axudas para o financiamento de actividades e investimentos que garanten a biodiversidade e a educación ambiental no 2026
A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destaca o papel "imprescindible" do tecido asociativo: "son os nosos mellores aliados porque son os que coñecen cada río, cada duna e cada especie ameazada"
A Deputación da Coruña vén de aprobar provisionalmente as subvencións destinadas a entidades sen fins de lucro no ámbito do medio ambiente —tanto na parte de actividades como na de investimentos— por un importe total de 330.674,57 euros. Esta partida económica permitirá a un total de 22 entidades da provincia desenvolver proxectos para a preservación do medio natural durante este ano 2026.
Grazas a esta inxección de fondos, poranse en marcha iniciativas tan diversas como o proxecto "Espías no bosque" para a divulgación ambiental, a creación de microrreservas de flora no Ortegal, a limpeza de plásticos en zonas costeiras a través de programas como "Por un mar limpo", ou o seguimento científico de mamíferos mariños e morcegos en toda a xeografía coruñesa. Ademais, a axuda institucional facilitará a adquisición directa de terreos de alto valor ecolóxico en concellos como Santiso e a recuperación de bosques atlánticos degradados por monocultivos.
Sobre o impacto destas achegas, a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou que dende a institución provincial son conscientes de que as administracións non poden chegar a todos os recunchos sen a axuda dos colectivos que traballan a pé de campo. A deputada subliñou o papel "imprescindible" que xogan estas asociacións, afirmando que "o tecido asociativo ambiental da nosa provincia é o noso mellor aliado, pois son eles os que coñecen cada río, cada duna e cada especie ameazada". Segundo explicou a deputada, o obxectivo é tamén "concienciar á sociedade no coidado do territorio".
A resolución provisional, publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia, abre agora un prazo de dez días hábiles para que as entidades interesadas poidan completar a súa documentación, presentar alegacións ou aceptar definitivamente as axudas.
Entidades beneficiarias da liña de apoio a actividades:
Asociación Ambiental Senda Nova: Proxecto "Espías no bosque" (10.640,00 €).
Asociación Cultural e Medio Ambiental "GEAS": Proxecto REGAM de seguimento ambiental (4.826,00 €).
Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: Accións na Reserva da Biosfera (20.000,00 €).
Asociación Fragas do Ortegal: Recuperación de bosque e microrreservas (2.558,40 €).
Asociación Galega de Custodia do Territorio: Xestión de microrreservas (14.880,00 €).
Asociación Limpocean: Proxecto "Por un mar limpo de plásticos" (20.340,00 €).
Asociación Mar de Fábula: Actividades ambientais diversas (12.200,00 €).
Asociación Medioambiental Amabul: Aula Ambiental Ulla+26 (25.000,00 €).
Asociación Néboa Medio Ambiente: Escola de Natureza (2.936,00 €).
Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula: Recuperación de parcelas degradadas (5.080,00 €).
Asociación Proxecto Batefogo: Prevención de lumes forestais (15.752,42 €).
Asociación Redes de Sal: Sensibilización no Festival Mar de Mares (25.000,00 €).
Asociación Umbella: Xogo da sostibilidade "Salvando Eldoria" (9.696,00 €).
Asociación Vento Noso: Xestión eficiente de enerxías renovables (25.000,00 €).
Asociación Verdegaia: Brigadas deseucaliptizadoras 2026 (3.320,00 €).
Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA): Conservación de especies mariñas (10.475,86 €).
Fundación Fragas do Mandeo: Programa de custodia do territorio (20.000,00 €).
Hábitat Grupo Naturalista: Programa de accións medioambientais (24.998,90 €).
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN): Divulgación de fauna e flora (2.496,56 €).
Surf and Clean: "Defende o mar a través do Surfing" (25.000,00 €).
Morcegos de Galicia (Condicionada): Conservación de quirópteros na Coruña (13.735,04 €).
TOTAL: 293.935,18€
Entidades beneficiarias da liña de apoio a actividades:
Asociación Fragas do Ortegal: Recuperación da Fraga do Faroleiro (4.100,00 €).
Asociación Galega de Custodia do Territorio: Compra de parcelas en Barazón, Santiso (6.364,16 €).
Asociación Limpocean: Adquisición de dron, micrófono e trípode (2.000,00 €).
Asociación Néboa Medio Ambiente: Equipamento para a Escola de Natureza (2.480,00 €).
CEMMA: Creación dunha maqueta realista de golfiño común para divulgación (3.007,56 €).
Fundación Fragas do Mandeo: Custodia do territorio (5.000,00 €).
Morcegos de Galicia: Equipamento para a conservación (2.010,47 €).
SGHN: Melloras no Museo de Historia Natural de Ferrol (2.060,40 €).
Asociación Betula (Condicionada): Adquisición de parcelas de bosque atlántico (9.716,80 €).
TOTAL: 36.739,39 €
