Estás en:Emprego
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026

Begoña Caamaño - As letras das Circes e as Morganas

A Deputación impulsará ao longo de todo o ano unha programación diversa que combinará promoción lectora, actividades educativas, acción cultural e propostas artísticas para divulgar a súa vida e obra entre públicos de todas as idades, con especial atención ás novas xeracións e ao ámbito municipal

Begoña Caamaño - As letras das Circes e as Morganas

A Área de Lingua da Deputación da Coruña impulsará ao longo de todo o ano unha ampla programación para sumarse á homenaxe da Real Academia Galega a Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas 2026. O departamento que dirixe Sol Agra Tuñas prepara un conxunto de propostas que procura divulgar entre públicos de todas as idades a vida, a obra e o pensamento da escritora, xornalista, feminista e activista social.

A responsábel provincial de Lingua destacou que desde a Deputación «queremos contribuír a que Begoña Caamaño chegue a todos os recunchos da provincia, porque a súa obra, o seu pensamento e o seu compromiso continúan sendo imprescindíbeis para entender o presente».

A campaña conta cunha identidade visual específica creada pola ilustradora Andreea Birsanu —coñecida como Silvatiica—. Baixo o lema 'As letras das Circes e as Morganas', consiste nunha proposta artística concibida a partir dunha fotografía da autora e construída ao redor da simboloxía de Circe e o pracer do azul, incorporando elementos vinculados ao feminismo, á sororidade, ao activismo antimilitarista e á fortaleza «que marcaron a súa traxectoria vital e intelectual», subliñou a deputada.

«Queremos que esta homenaxe sexa tamén unha proposta cultural con identidade propia», capaz de representar a esencia dunha escritoras «que fixo da palabra unha ferramenta de transformación», abondou Sol Agra en referencia á autora de Morgana en Esmelle e Circe e o pracer do azul.

A deputada subliñou que o 17 de maio «é unha data chave, pero a nosa vontade é que Begoña Caamaño sexa lida, cantada e celebrada durante todo o ano e moito máis alá desta efeméride».

Actos programados

O acto central, o 17 de maio, desenvolverase na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela. Consistirá no espectáculo 'Circes e Morganas', unha proposta coral de audiovisual, poesía e música que reunirá diversas artistas para converter o Día das Letras Galegas nunha celebración colectiva, dinámica, participativa e festiva.

Outras accións previstas son a distribución de libros acabados de editar sobre Begoña Caamaño, destinados a centros educativos, bibliotecas escolares e bibliotecas municipais, con títulos adaptados a distintas franxas de idade. Tamén, o reparto da súa primeira novela, a xa mencionada Circe e o pracer do azul, entre bibliotecas e institutos con Bacharelato.

Sol Agra incidiu en que é «fundamental» que as novas xeracións poidan achegarse «non só ás novelas de Begoña, senón tamén ao seu pensamento, aos seus artigos e á súa ollada crítica, porque seguen sendo profundamente actuais».

A programación incluirá contacontos ilustrados e musicados, obradoiros literarios e musicais, actividades en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, alén dunha proposta de escrita creativa na Biblioteca Provincial, co obxectivo de estender o coñecemento da autora por todo o territorio provincial mediante formatos diversos e participativos.

A música terá tamén un papel destacado coa distribución do libro-disco Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, de Uxía, e coa organización de catro actuacións da artista xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec en distintos concellos.

«Begoña Caamaño foi unha creadora e unha activista que abriu camiños, e queremos que esta celebración incorpore tamén voces e expresións artísticas que continúan esa forza transformadora», concluíu Sol Agra.

Concerto o 17 de maio

'Circes e Morganas' é unha proposta organizada pola Área de Lingua da Deputación da Coruña, producida por Nordesía e intégrase tamén no programa municipal das Festas da Ascensión. O concerto terá lugar o 17 de maio, ás 20 horas, na praza da Quintana de Santiago de Compostela. A entrada será de balde.

A imaxe principal é da ilustradora Agustina Shuan e no evento participarán Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, Faia Díaz e Tareixa Novo, The Vacas, Alba María, Caamaño & Ameixeiras, Andrea Nunes, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, A Banda das Crechas, As Tamborililás Transfeministas, Zeltia Irevire, A Pedreira xunto á súa banda —integrada por Lorena Cachito, Mauricio Caruso e Alejandro Vargas—, así como Uxía, Paz Francés, As Amigas e DJ Mil.

Máis información sobre o concerto aquí.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X