A Deputación destaca dúas décadas de colaboración con ASPERGA no 20 aniversario da entidade
José Ramón Rioboo participou no Paraninfo da UDC na xornada "20 anos, 20 pegadas. Un camiño compartido", organizada pola asociación
O deputado subliñou o apoio provincial á adquisición da nova sede de ASPERGA nos Castros, "un espazo que representa estabilidade, futuro e mellores condicións para atender ás persoas con TEA e ás súas familias"
A Deputación da Coruña participou hoxe no acto conmemorativo do 20 aniversario de ASPERGA, celebrado no Paraninfo da Universidade da Coruña baixo o lema "20 anos, 20 pegadas. Un camiño compartido". O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, interveu en representación da institución provincial nunha xornada de recoñecemento ao labor desenvolvido pola entidade durante dúas décadas en favor das persoas autistas e das súas familias.
Rioboo trasladou o apoio da Deputación á presidenta de ASPERGA, Rita Barros, á xunta directiva, ao equipo profesional, ás familias e a todas as persoas que forman parte da asociación, da que destacou a súa capacidade para "deixar pegada" na sociedade coruñesa.
"Vinte anos non se cumpren todos os días. E menos aínda cando eses vinte anos están cheos de traballo, de compromiso, de aprendizaxe e, sobre todo, de acompañamento a moitas persoas e a moitas familias", afirmou o deputado.
Na súa intervención, Rioboo puxo en valor a relación continuada entre a Deputación da Coruña e ASPERGA ao longo destes vinte anos, unha colaboración baseada no apoio a proxectos, na escoita e no traballo compartido para mellorar a vida das persoas con trastorno do espectro autista e das súas familias.
"Desde a Deputación coñecemos ben ese camiño, porque a relación entre ASPERGA e a institución provincial vén de lonxe. Son dúas décadas de colaboración continua para avanzar nunha sociedade máis inclusiva, máis consciente e máis capaz de acompañar a diversidade", sinalou.
A nova sede dos Castros, un fito na colaboración coa Deputación
O deputado destacou como un dos fitos máis recentes desa colaboración o apoio da Deputación á adquisición da nova sede de ASPERGA no barrio de Os Castros, na Coruña. Rioboo subliñou que este novo local "representa estabilidade. Representa futuro. Representa a posibilidade de atender mellor, con máis medios e en mellores condicións. Representa un lugar ao que as familias poden chegar sabendo que van atopar apoio, comprensión e profesionais que coñecen ben a súa realidade".
"Diso vai, no fondo, o traballo de ASPERGA: de acompañar sen facer ruído, pero cambiando vidas. De defender que cada persoa ten a súa voz, a súa maneira de estar no mundo e o dereito a desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade", apuntou.
No peche da súa intervención, Rioboo felicitou á gran familia de ASPERGA: "Grazas por vinte anos de compromiso. Grazas por abrir camiño e grazas por lembrarnos que unha sociedade mellor é aquela que sabe escoitar todas as voces", concluíu.
