Estás en:Emprego

A Deputación e o Concello de Pontedeume celebran co Eume Deportivo os seus 75 anos de historia

Valentín González Formoso, Bernardo Fernández e Antonio Leira participaron no acto conmemorativo celebrado no campo de fútbol da Gándara, unha xornada de encontro coa gran familia do club eumés


O acto incluíu unha homenaxe aos socios e socias de maior antigüidade, como recoñecemento á súa fidelidade e ao seu papel na historia dun dos clubs máis veteranos da comarca

A Deputación e o Concello de Pontedeume celebran co Eume Deportivo os seus 75 anos de historia

A Deputación da Coruña acompañou hoxe á Sociedade Deportiva Eumesa, hoxe Eume Deportivo, na celebración do seu 75 aniversario, nun acto celebrado no campo de fútbol da Gándara, en Pontedeume, que reuniu á gran familia do club: directiva, xogadores e xogadoras, familias, socios e socias, afeccionados e persoas vinculadas á historia da entidade.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou na conmemoración xunto ao alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, nunha xornada de celebración dun aniversario moi especial para o deporte eumés e para o conxunto da vila.

Durante o acto, Formoso trasladou o recoñecemento da institución provincial a todas as persoas que fixeron posible a continuidade do club ao longo de sete décadas e media. "Setenta e cinco anos de historia son moitos anos. Detrás hai moitas persoas, familias enteiras vencelladas ao club, socios que permaneceron fieis e varias xeracións que fixeron do Eume Deportivo unha parte importante da vida de Pontedeume", destacou.

Fundada en 1951 como S.D. Eumesa, o club é unha das entidades deportivas máis veteranas da comarca. O club chega a este aniversario cunha base social sólida, con máis de 700 socios e socias, e cunha estrutura deportiva que supera as 200 licenzas, o que reflicte o seu peso no deporte de base e a súa capacidade para mobilizar á mocidade arredor do fútbol.

Formoso puxo en valor precisamente esa dimensión social dos clubs locais, "que cumpren unha función que vai moito máis alá da competición".
O presidente incidiu tamén no compromiso da Deputación da Coruña co deporte local e co apoio aos clubs da provincia. A institución provincial destina este ano 8,1 millóns de euros á área de Deportes, dos que preto de 5 millóns corresponden a axudas dirixidas a máis de 550 clubs de diferentes disciplinas deportivas.

O alcalde, Bernardo Fernández, felicitou ao Eume Deportivo polos seus 75 anos de traxectoria e desexou que este aniversario sirva tamén para mirar ao futuro. "Hoxe celebramos todo o camiño percorrido dun club que forma parte da historia deportiva de Pontedeume, pero tamén o que queda por diante. Oxalá o Eume Deportivo siga medrando con forza, siga formando novas xeracións de futbolistas e chegue con forza ao seu centenario", afirmou.

Tanto o presidente provincial como o alcalde de Pontedeume subliñron o papel das familias, das directivas e da masa social na continuidade dunha entidade destas características. O acto incluíu ademais unha homenaxe aos socios e socias de maior antigüidade, como recoñecemento á súa fidelidade e ao seu papel na historia da entidade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X