A Deputación reúne mañá no Pazo de Arenaza a emprendedores da provincia para abordar o impacto da intelixencia artificial nas empresas
A nova edición da Startup Europe Week celebrarase mañá mércores en Oleiros e estará centrada na IA, as tecnoloxías emerxentes e as oportunidades que abren para o tecido produtivo
A xornada, organizada no marco do Plan de Emprego Local, incluirá relatorios de expertos, un espazo World Café, networking e a presentación de iniciativas como Provincia Emprendedora
O coworking do Pazo de Arenaza, en Oleiros, converterase mañá mércores 27 de maio nun punto de encontro para startups, empresas, profesionais e axentes do ecosistema tecnolóxico galego coa celebración dunha nova edición da Startup Europe Week 2026, organizada pola Deputación da Coruña no marco do seu Plan de Emprego Local (PEL).
A cita, que se desenvolverá entre as 9:30 e as 14:00 horas, alcanza este ano a súa sétima edición impulsada pola institución provincial e poñerá o foco na intelixencia artificial e nas tecnoloxías emerxentes como ferramentas clave para transformar os sectores produtivos, impulsar novos modelos de negocio e acelerar proxectos empresariais innovadores.
Nun contexto no que a IA está a redefinir a economía, a industria e os servizos, a Deputación aposta por achegar estas tecnoloxías ao tecido empresarial da provincia, especialmente ás pequenas empresas, persoas emprendedoras e proxectos en fase de crecemento. O obxectivo é favorecer a dixitalización, mellorar a competitividade e xerar espazos de conexión entre talento, coñecemento e empresa.
A xornada arrancará ás 9:30 horas coa recepción das persoas asistentes e a presentación oficial por parte do equipo xestor do coworking do Pazo de Arenaza, centro integrado na Rede Provincial de Coworking da Deputación.
A continuación, desenvolverase un programa de intervencións centradas na innovación, o emprendemento dixital e a aplicación práctica da intelixencia artificial. Entre os relatores figuran Jesús Lage, responsable de Emprendemento do Clúster TIC Galicia, que presentará o programa Tech Angels; Gerardo García Yebra, cofundador de Financenova IA, centrado en solucións intelixentes aplicadas ás finanzas; e Dayana Barrera Farías, cofundadora de Global Eco Transfer.
O panel completarase coa participación de José Delgado e Rocío Bardón, representantes de Qaroni, e de Ana Rute Mendes e Xabier Rodríguez Calvar, socios de Igalia, compañía galega de referencia internacional no ámbito do software libre e das tecnoloxías abertas.
Ademais dos relatorios, a Startup Europe Week manterá un dos formatos máis participativos das súas últimas edicións: o World Café. Este espazo permitirá abrir conversas directas entre emprendedores, empresas e asistentes para compartir experiencias, identificar necesidades comúns e analizar como a intelixencia artificial pode aplicarse a proxectos reais.
A programación incluirá tamén a intervención de Manuel García García, mentor experto do programa Provincia Emprendedora, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). A súa intervención estará centrada nas claves para a captación de investimento e no acompañamento a proxectos con potencial de crecemento.
O peche da xornada correrá a cargo de Rosa Ana García, deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica.
