A Deputación e Teima Down Ferrol reforzan a súa colaboración para impulsar a inclusión laboral das persoas con síndrome de Down
Valentín González Formoso e a presidenta da entidade, Patricia Serantes, asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial achega preto de 45.000 euros ao programa de inserción sociolaboral da asociación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Asociación Síndrome de Down Teima de Ferrol, Patricia Serantes, asinaron hoxe na sede provincial o convenio de colaboración polo que a institución coruñesa achega 44.568,96 euros para apoiar o programa de inserción sociolaboral que desenvolve a entidade na comarca de Ferrolterra.
A colaboración da Deputación permite financiar o 40% do custo total do proxecto, que ascende a 112.051 euros, e contribúe a manter un servizo especializado de formación, orientación, acompañamento laboral e apoio ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais no seu camiño cara ao emprego.
Formoso subliñou durante a sinatura que este convenio "é unha mostra do compromiso da Deputación cunha provincia máis inclusiva, na que todas as persoas teñan oportunidades reais para desenvolver as súas capacidades, tomar decisións sobre a súa vida e participar activamente na sociedade".
"O emprego é unha porta á autonomía e á participación plena na sociedade. Por iso é tan importante apoiar o traballo de entidades como Teima Down Ferrol, que acompañan ás persoas, ás familias e ás empresas para facer posible unha inclusión real, non só teórica", afirmou o presidente provincial.
O programa apoiado pola Deputación traballa a través de itinerarios individualizados adaptados ás necesidades de cada persoa usuaria. Inclúe accións de formación en competencias persoais, sociais e profesionais, adquisición de hábitos laborais, preparación para entrevistas, coñecemento do funcionamento do mercado de traballo e acompañamento no proceso de incorporación a un posto.
Unha parte fundamental do proxecto céntrase tamén na relación co tecido empresarial. Teima Down Ferrol realiza labores de prospección de empresas, análise de postos de traballo, identificación de perfís axeitados e seguimento técnico durante as primeiras fases da contratación, co obxectivo de facilitar procesos de inserción estables e adaptados ás capacidades de cada persoa.
Ademais, a entidade ofrece orientación ás familias e desenvolve accións de sensibilización para avanzar na normalización da presenza das persoas con síndrome de Down no ámbito laboral e social.
A presidenta de Teima Down Ferrol, Patricia Serantes, trasladou o agradecemento da entidade polo apoio da Deputación e destacou a importancia de contar con recursos estables que permitan dar continuidade a un labor especializado, próximo e sostido no tempo. Serantes puxo en valor tamén a implicación das familias, dos profesionais da asociación e das empresas que colaboran na apertura de oportunidades laborais para as persoas usuarias.
