Estás en:Emprego

A Deputación conmemora o Día do Orgullo LGBTIQ+ reivindicando a liberdade de ‘Ser e sentir’

O presidente, Valentín González Formoso, e a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, foron os encargados de abrir o acto institucional

A xornada contou tamén coa lectura do manifesto e unha actuación a cargo do Coro Cores

A Deputación conmemora o Día do Orgullo LGBTIQ+ reivindicando a liberdade de ‘Ser e sentir’

O Pazo Provincial acolleu na mañá da xornada de hoxe, venres 26 de xuño, o acto institucional polo Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se conmemora este domingo, 28 de xuño.

Un acto de reivindicación e celebración colectiva impulsado co obxectivo de lanzar á cidadanía unha mensaxe de orgullo, liberdade e respecto, facendo visible o apoio ao colectivo LGBTIQ+ e a defensa dunha sociedade máis xusta e acolledora para todas as persoas.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, advertiu de que "os dereitos conquistados non están garantidos para sempre" e lembrou que "o que levou décadas construír pode derrubarse nun só día se as institucións deixan de defendelo". "Pensamos ás veces que unha lei aprobada ou unha liberdade recoñecida xa son inamovibles, pero a historia demostra que non é así. Por iso o Orgullo segue sendo necesario: porque é celebración, pero tamén reivindicación e defensa da dignidade", afirmou.

Formoso alertou tamén fronte ao avance de "discursos reaccionarios que falan constantemente de liberdade, pero que cando gobernan recortan dereitos, pechan organismos de igualdade, cuestionan leis e volven sinalar ás persoas que consideran diferentes". "Iso non é liberdade. Liberdade non é retirar símbolos, nin censurar nas aulas, nin dicir que unha familia vale menos ca outra. Liberdade é poder ser, poder amar e poder vivir sen medo", subliñou.

O presidente destacou que a campaña provincial "Liberdade de ser e sentir" busca levar esa mensaxe "aos concellos grandes e pequenos, ás cidades, ás vilas e ao rural", e agradeceu a implicación dos municipios e entidades que se suman á iniciativa. "Cada bandeira, cada fachada iluminada, cada cartel e cada mensaxe en redes din algo moi claro: nesta provincia hai sitio para todas as persoas, a diversidade non se agocha e os dereitos deféndense", sinalou.

O plan de acción para a presente edición deste programa inclúe propostas que combinan a formación académica, as ferramentas pedagóxias para as aulas e as intervencións de sensibilización social. Así mesmo, a campaña volverá tomar as rúas coa instalación de lonas e bandeiras nos balcóns dos concellos.

Pola súa parte, a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, salientou que "estamos vivindo unha preocupante deriva homófoba que non podemos pasar por alto. Seguimos vivindo nun mundo no que hai persoas que se senten avaladas para insultar, humillar e ameazar nas redes sociais, pero non só aí, xa que no que vai de ano levamos 33 agresións físicas a rapaces e rapazas pola súa orientación sexual".

"Desde a área de Igualdade da Deputación témolo claro: queremos vivir nun mundo no que todas e todes collamos", para iso, asegurou Agra, "seguiremos tecendo redes cos concellos e co tecido asociativo para construír concellos seguros e libres, e tamén cos centros educativos, porque a educación en valores é necesaria para construír un mundo cun futuro no que a homofobia non teña cabida", concluíu.

O acto seguiu coa lectura do manifesto da campaña 'Ser e sentir' e unha actuación musical do Coro Cores, que puxo o broche de ouro a esta xornada tan especial.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X