Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña e LALIGA acordan colaborar para renovar os campos de fútbol da provincia e mellorar a xestión dos clubs de base

Valentín González Formoso e Javier Tebas reuníronse hoxe na Coruña

A Deputación da Coruña quere contar asesoramento técnico de LALIGA para lles facilitar aos concellos a renovación dos campos de herba artificial da provincia a prezos asumibles

A Deputación creará coa colaboración de LALIGA dunha escola de xestión económica para os clubs de fútbol base da provincia

A Deputación da Coruña e LALIGA acordan colaborar para renovar os campos de fútbol da provincia e mellorar a xestión dos clubs de base

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá no seu despacho da institución provincial unha reunión co presidente de LALIGA, Javier Tebas, na que ambas as institucións analizaron distintas posibilidades de colaboración relacionadas coa mellora das instalacións deportivas municipais, a profesionalización da xestión dos clubs de fútbol base e a promoción da provincia a través do deporte.

Un dos principais asuntos abordados no encontro foi a renovación dos campos de fútbol de herba artificial dos concellos da provincia, unha actuación cada vez máis demandada polos municipios debido á antigüidade e obsolescencia de moitas destas instalacións.

Formoso explicou que a renovación dos terreos de xogo supón un investimento importante e recorrente, con frecuencia imposible de asumir polos concellos sen a axuda da Deputación, que cada ano destina importantes recursos a este tipo de actuacións tanto a través do Plan Único (POS+) como de convenios cos concellos.

Neste sentido, anunciou que a Deputación e LALIGA estudarán fórmulas de colaboración que permitan contar co asesoramento técnico da organización para "definir solucións que permitan que os concellos poidan acometer estas renovacións cun custo asumible".

"A renovación da herba artificial dos campos de fútbol é unha das obras máis demandadas polos concellos, xa que a maioría dos campos foron construídos hai tempo están chegando ao final da súa vida útil. Queremos buscar, coa experiencia e o coñecemento técnico de LALIGA, fórmulas que permitan facer estas actuacións nas mellores condicións posibles para os municipios", afirmou González Formoso, que remarcou que o investimento medio dunha instalación destas características é duns 260.000 - 300.000 euros, o que supón un investimento inalcanzable para moitos concellos. "O noso obxectivo é reducir notablemente ese importe para facelo economicamente máis asumible para os concellos e atender esta necesidade", explicou.

Unha escola de xestión para o fútbol base

Outro dos eixos da reunión entre Formoso e Tebas foi a posibilidade de impulsar un convenio entre a Deputación e LALIGA para crear unha escola de xestión económica e profesionalización destinada aos clubs de fútbol base da provincia.

A Deputación xa deu os primeiros pasos neste ámbito coa organización este ano de cursos de formación dirixidos ás entidades deportivas, unha iniciativa que nace das propias necesidades trasladadas polos clubs. Unha enquisa realizada pola institución provincial contou coa participación de máis de 240 deportistas e representantes de clubs de 60 concellos e 40 modalidades deportivas diferentes, que sinalaron entre as súas principais demandas a necesidade de mellorar a formación en ámbitos relacionados coa xestión económica, a comunicación, os patrocinios ou a adaptación á realidade dixital.

"A nosa intención agora é dar un paso máis e ofrecer aos clubs unha formación cada vez máis profesional e especializada. LALIGA é unha referencia na xestión económica no fútbol e pensamos que a súa experiencia pode ser moi útil para unhas entidades que teñen que afrontar retos cada vez máis complexos", sinalou Formoso.

O presidente provincial destacou que os clubs de base deben facer fronte actualmente a cuestións como a planificación económica e orzamentaria, a captación de patrocinios, a procura de novas fontes de financiamento, as obrigas administrativas e fiscais, a comunicación e o márketing, a dixitalización ou a propia organización interna das entidades.

A Deputación dedica este ano 4,3 millóns de euros en axudas directas ao tecido deportivo provincial, un apoio económico que a institución quere complementar con ferramentas que contribúan a mellorar e profesionalizar a capacidade de xestión dos clubs e entidades deportivas.

Promoción da provincia e apoio ao fútbol base

A reunión serviu tamén para analizar outras posibles liñas de cooperación entre a Deputación e LALIGA. Entre elas, abordáronse accións de promoción da provincia da Coruña aproveitando a proxección nacional e internacional do fútbol profesional, así como iniciativas relacionadas co apoio ao fútbol base, a formación e os valores asociados ao deporte ou a celebración de actividades e eventos capaces de atraer visitantes, xerar actividade económica e contribuír á proxección dos concellos da provincia.

Ambas as partes acordaron manter aberto o diálogo para estudar a viabilidade destas liñas de traballo e concretar posibles proxectos de colaboración.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X