Turismo da Deputación da Coruña consolida o Foro dos Vivos e situará os Camiños de Santo André como un dos eixes da súa estratexia en 2027
Adiantouno esta maná na presentación do Foro o vicepresidente, Xosé Regueira, que lembrou que departamento de Turismo provincial está a traballar tamén coa Universidade de Santiago de Compostela para "darlle vitalidade" ao acordo de irmandamento que as comunidades das rutas de Teixido e o Way of St. Andrews asinaron en decembro de 2025
A área de Turismo da Deputación da Coruña quere impulsar os Camiños de Santo André de Teixido como un dos eixes da súa estratexia en 2027. Adiantouno esta mañá o vicepresidente, Xosé Regueira, na presentación da cuarta edición do Foro dos Vivos, que o departamento de Turismo provincial, no marco da súa campaña 'A paisaxe que sabe', organiza o 12 e 13 de setembro en Porto do Cabo (Valdoviño) para reivindicar a ruta de peregrinación ferrolá e achegar a veciños e visitantes o seu valor como recurso patrimonial, turístico e cultural do territorio.
Acompañaron a Regueira na rolda de prensa José Picallo, e Carlos Fernández, presidente e secretario da Asociación de Veciños de Porto do Cabo, e Sergio Muíño, do proxecto de turismo comunitario e local en Santo André de Teixido Eu fun de vivo.
Regueira deulle os parabéns a Asociacións de Veciños de Porto do Cabo polo seu traballo nun proxecto que o ano vindeiro "vai ser uns núcleos centrais do traballo de Turismo da Deputación". "Estamos falando", salientou, "dun itinerario relixioso e cultural que vai moito máis alá diso, que está documentado dende a propia Idade do Ferro, dende o período castrexo, polo tanto moito antes que o cristianismo, e que ademais é moito máis ca un itinerario relixioso: é un itinerario cultural, antropolóxico e patrimonial".
A intención da área de Turismo provincial é que o proxecto dos Camiños de Santo André se poida executar xa o ano que vén pola importancia dunha ruta que Regueira considera "ao mesmo nivel que o itinerario a Compostela".
Regueira adiantou tamén o seu departamento está a traballar coa Universidade de Santiago de Compostela para "darlle vitalidade a esa ponte entre Santo André e o Way of St. Andrews, en Escocia", que en decembro de 2025 asinaron un acordo de irmandamento. "Creo que este camiño, en vésperas do Xacobeo, pode ser un bo aliciente para a xente que queira escapar da masificación doutras rutas logo de visitar Compostela, porque sempre é un gusto visitalo".
Tradición e identidade
O Foro dos Vivos pretende, segundo Sergio Muíño, "poñer en valor a tradición, a identidade e os camiños de San Andrés de Teixido, un encontro no que pretendemos unir ao territorio, aos produtores, a toda a nosa veciñanza e, por certo, convidar a toda esta xente que queira gozar connosco nunha xornada de sábado e domingo e adentrarse pois neste territorio único e singular, no Xeoparque e nos camiños de San Andrés".
José Picallo agradeceu o apoio da Deputación da Coruña para a organización Foro: "Sen a colaboración da Deputación sería case inviable este evento, que se está consolidando no territorio e queremos non quede nesta cuarta edición, senón que chegue á quinta, á sexta e a moitas máis".
Programa
Organizado polo departamento de Turismo da Deputación –en colaboración coa Asociación de Veciños de Porto do Cabo, o proxecto Eu fun de vivo mais os sete concellos que participan na Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, aos que se sumou tamén o de Narón–, o Foro programará charlas, música, artesanía, gastronomía e visitas guiadas para afondar na historia, as crenzas, o presente e as posibilidades turísticas das sendas de peregrinación a Santo Andrés de Teixido.
SÁBADO 12 SETEMBRO
10 horas: inauguración IV Foro dos Vivos.
10.15 horas: "Narración oral nos Camiños de peregrinación", por Soledad Felloza.
11 horas: "Música nos Camiños de Santo André", por Sandra Novais e Sara Novais.
12.15 horas: "As pedras como testemuña nas relixións", por Loli Rubido.
12.45 horas: "O Camiño: presente e futuro", por Sergio Muíño.
13.20 horas: Premio dos Vivos e peche do Foro.
15.30-17 horas: Obradoiros de artesanía (inscrición previa, en eufundevivo.com):
Obradoiro de cerámica de Porto do Cabo, con Martina (Mai Cerámica).
Obradoiro de San Andresíños de miga de pan, con Rosa (artesana de miga de pan).
DOMINGO 13 SETEMBRO (xornada con inscrición previa, en eufundevivo.com)
9 horas: camiño a Santo André de Teixido dende Porto do Cabo.
15.30 horas: visita a Santo André de Teixido, guiada por Eu fun de vivo.
17.30 Regreso a Porto do Cabo en autobús dende Santo André de Teixido.
