A Deputación destaca o papel das pemes como motor de emprego, innovación e desenvolvemento na entrega do Premio Peme do Ano 2026
José Ramón Rioboo participou na entrega do Premio Peme do Ano 2026 da Coruña, que recoñeceu a traxectoria da empresa Betanzos HB
O deputado destacou o apoio provincial ao tecido empresarial a través do Plan de Emprego Local, que este ano mobiliza máis de 10 millóns de euros en axudas
A Deputación da Coruña puxo hoxe en valor o papel das pequenas e medianas empresas como motor económico e social da provincia durante o acto de entrega do Premio Pyme do Ano 2026 da Coruña, no que participou o deputado de Facenda, Especial de Contas, Recursos Humanos e Avance Dixital, José Ramón Rioboo.
O galardón recaeu nesta edición en Betanzos HB, empresa con preto de 50 anos de traxectoria e sede en Betanzos, dedicada á fabricación de taboleiros de fibra de alta densidade e que emprega a máis dun cento de persoas. A compañía é o único fabricante europeo de hardboard de eucalipto e comercializa baixo a marca Tablex un produto elaborado con madeira procedente do sector forestal galego, reciclable e biodegradable.
José Ramón Rioboo felicitou á empresa gañadora e ao resto das firmas recoñecidas e destacou que "as pequenas e medianas empresas son unha peza clave no desenvolvemento económico e social da provincia, porque crean emprego, xeran oportunidades e contribúen a fixar poboación nos nosos concellos".
O deputado subliñou que a Deputación mantén como unha das súas prioridades o apoio ás empresas, persoas autónomas e proxectos emprendedores da provincia. "Queremos acompañar ese esforzo e apoiar ás empresas que innovan, se dixitalizan, apostan pola formación e son capaces de crecer e competir desde a provincia da Coruña", afirmou Rioboo.
Neste sentido, lembrou o papel do Plan de Emprego Local (PEL), unha das principais ferramentas da institución provincial para impulsar a creación de emprego e fortalecer o tecido empresarial, e que este ano mobiliza máis de 10 millóns de euros en axudas a empresas, persoas autónomas e emprendemento.
O acto contou tamén coa participación do vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jorge Lorenzo; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o subdirector da Cámara de Comercio da Coruña, Carlos Fernández; o director territorial de Empresas de Banco Santander en Galicia, Avelino Carballo; e o responsable do suplemento económico de La Voz de Galicia, Domingos Sampedro, entre outros representantes institucionais e empresariais.
Ademais do premio principal a Betanzos HB, nesta décima edición concedeuse a Mención Especial "Legado Empresarial" ao Grupo Intaf, así como os accésits de Internacionalización a Textiles Gabitex, Innovación e Dixitalización a Genesal Energy IB, Formación e Emprego a Ineltron Solutions e Pyme Sostible a Obras Civiles del Atlántico.
Betanzos HB concorrerá agora ao Premio Nacional Pyme do Ano 2026, que se decidirá entre as empresas gañadoras de cada provincia e cuxo fallo se dará a coñecer nos primeiros meses de 2027 en Madrid.
