Estás en:Emprego Novas

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de sete traballadores nos Concellos de Aranga e A Capela

O BOP publica hoxe as bases da convocatoria para a selección de seis peóns e un condutor de maquinaria oficial 2ª, que se encargarán da execución de diferentes obras públicas municipais e a prestación de servizos mínimos municipais

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de sete traballadores nos Concellos de Aranga e A Capela

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do proceso selectivo para a contratación de catro peóns no Concello de Aranga e dun condutor de maquinaria oficial 2ª e dous peóns no Concello da Capela para realizar obras públicas municipais e a prestación de servizos mínimos municipais, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

No Concello de Aranga está previsto contratar a catro peóns. As funcións que ha realizar o persoal que se contrate están relacionadas coa limpeza viaria e o acceso a núcleos de poboación, consistentes na limpeza do entorno dos colectores de lixo, as inmediacións das paradas de bus e marquesiñas, outros ambientes escolares e de ocio, incluíndo o sistema de mobiliario urbano e aquelas outras áreas de acumulación de residuos.

Para a presentación de solicitudes, as persoas interesadas disporán dun prazo de sete días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria.

No referente ao Concello da Capela, a convocatoria prevé a selección de persoal laboral temporal para a execución de diferentes obras públicas municipais e a prestación de servizos mínimos municipais. Contratarase, a tempo parcial, a un condutor de maquinaria oficial 2ª, por un prazo de 5 meses, e a dous peóns, un por 6 meses e outro por 5 meses. O prazo de presentación de instancias será de cinco días naturais contados desde o día seguinte a publicación do anuncio no BOP.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que  remataran favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Máis de 1.000 empregos creados nun ano ao abeiro do PEL-Concellos

Nos dous anos que leva en funcionamento, a liña PEL-Concellos facilitou a inserción laboral de preto de 1.000 coruñeses e coruñesas con especiais dificultades para atopar un posto de traballo. Uns resultados que superan os obxectivos marcados polo goberno provincial que, a través das diferentes liñas do PEL, destinados a concellos, PEME, autónomos e emprendedores, pretende favorecer a creación de máis de 3.000 postos de traballo directos ata 2019.

Páxinas suxeridas