Estás en:Emprego Novas

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de cinco traballadores no Concello de Cabanas

O BOP publica hoxe a convocatoria para a selección de catro peóns e un albanel oficial de 2ª que se incluirán dentro do PEL-Concellos

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de cinco traballadores no Concello de Cabanas

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do proceso selectivo para a contratación de catro peóns, por un período de seis meses, e un albanel (oficial de segunda), por un período de catro meses, no Concello de Cabanas. A contratación do persoal laboral temporal está incluída dentro do PEL-Concellos da Deputación da Coruña.

Os custos laborais e de seguridade social serán asumidos pola institución provincial a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local. Neste caso, a institución provincial outorga unha subvención de 28.000 euros para as contratacións.

O prazo de presentación de solicitudes será de seis días naturais a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que remataran favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Páxinas suxeridas