Estás en:Emprego Novas

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de sete traballadores no Concello de Fene

O BOP publica hoxe as bases da convocatoria para a selección de sete operarios que se encargarán de realizar traballos relacionados cos servizos mínimos e os relacionados coas pequenas obras de reparación e mantemento.

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de sete traballadores no Concello de Fene

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do proceso selectivo para a contratación de sete traballadores no Concello de Fene, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

O Concello de Fene selecciona un posto de oficial de albanel de servizos múltiples e seis postos de peóns.

Os sete operarios seleccionados estarán contratados realizarán labores de alumeado público, cemiterio, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, rede de sumidoiros, acceso aos núcleos de poboación e pavimentación das vías públicas. Ademais, realizaranse os labores relacionados coas pequenas obras de reparación e mantemento dos ditos servizos mínimos.

Para a presentación de solicitudes, as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Máis de 1.000 empregos creados nun ano ao abeiro do PEL-Concellos

Nos dous anos que leva en funcionamento, a liña PEL-Concellos facilitou a inserción laboral de preto de 1.000 coruñeses e coruñesas con especiais dificultades para atopar un posto de traballo. Uns resultados que superan os obxectivos marcados polo goberno provincial que, a través das diferentes liñas do PEL, destinados a concellos, PEME, autónomos e emprendedores, pretende favorecer a creación de máis de 3.000 postos de traballo directos ata 2019.

 

Páxinas suxeridas