Estás en:Emprego Novas

O 98% dos socorristas formados pola Deputación traballan este verán en praias e piscinas da provincia da Coruña

Das 45 persoas que completaron os cursos de socorrismo e salvamento, 41 traballan en praias e 3 en instalacións acuáticas

Praias da Coruña, Arteixo, Bergondo, Boiro, Carballo, Carnota, Cedeira, Ferrol, Miño, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume e Valdoviño e piscinas de Cerceda, Santiago e Santiso contan este verán con profesionais formados neste programa

En setembro, unha vez remate a tempada de praias, comezará un novo curso de coordinación de servizos de socorrismo

O 98% dos socorristas formados pola Deputación traballan este verán en praias e piscinas da provincia da Coruña

O 98% das persoas que remataron os dous cursos de salvamento e socorrismo en praias e en instalacións acuáticas deportivas organizados pola Deputación da Coruña no marco do Plan de emprego local (PEL) están traballando este verán en praias e piscinas da provincia da Coruña.

Os cursos, destinados a persoas desempregadas e realizados en colaboración coa Cruz Vermella e a Federación Galega de Socorrismo, desenvolvéronse entre 2017 e 2018 e permitiron a 45 alumnos obter esta dobre titulación, obrigatoria para traballar en servizos de salvamento acuático, que ademais incrementa as súas posibilidades de manterse no mercado laboral durante todo o ano e non só na tempada de verán.

Destes 45 socorristas formados pola Deputación da Coruña, 41 traballan nos servizos de salvamento e socorrismo das praias da Coruña, Arteixo, Bergondo, Boiro, Carballo, Carnota, Cedeira, Ferrol, Miño, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume e Valdoviño; mentres que tres deles desempeñan o seu traballo no Aquapark de Cerceda, as piscinas do Fontes do Sar de Santiago e a piscina municipal de Visantoña, en Santiso.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a utilidade destes cursos, xa que ademais de facilitar formación e inserción laboral de 45 mozos e mozas desempregadas da provincia "contribuíron en parte a solucionar o problema da falta de profesionais con que se atoparon algúns concellos nos últimos anos"

Curso de coordinación de socorristas en setembro

A partir do mes de setembro, unha vez rematada a tempada de praias, convocarase o período de inscrición para un novo curso destinado a formar profesionais responsables da coordinación de equipos de socorristas tanto nos areais como en praias fluviais ou piscinas.

Esta actuación enmárcase no proxecto EIXO (Estratexia de inserción xove), financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) dentro do seu Programa operativo de emprego xove.

A acción formativa irá dirixida a mozos e mozas menores de 30 anos censados en calquera municipio coruñés de menos de 50.000 habitantes, inscritas na Oficina de emprego correspondente como demandante de emprego, rexistradas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xove e que reúnan os requisitos de formación adscritos a este certificado de profesionalidade.

Páxinas suxeridas