Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña inviste 676.000 euros no mantemento de preto de cen empregos creados co PEL

92 empresas da provincia da Coruña manterán este ano aos traballadores contratados coa liña PEL-PEME do Plan de emprego local

Valentín González Formoso destaca a contribución do PEL á creación de postos de traballo estables

Esta liña verase complementada nas vindeiras semanas coa concesión de novas axudas, cun orzamento de 2,4 millóns de euros, coas que o Goberno provincial espera apoiar a unhas 200 pemes coruñesas na contratación de novos traballadores

A Deputación da Coruña inviste 676.000 euros no mantemento de preto de cen empregos creados co PEL

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a listaxe das 92 pemes que manteñen este ano as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) para a contratación de persoal.

Cun importante esforzo inversor de 676.281,08 euros, a Deputación facilita que 92 empresas coruñesas con sede en municipios de menos de 20.000 habitantes que xa obtiveron axudas na convocatoria de 2017 para a contratación de novos/as traballadores/as podan seguir contando con eles/as durante un ano máis.

Neste segundo ano, a Deputación subvenciona o 50% dos custes laborais destes traballadores (durante o primero ano, o PEL subvenciona o 75% do salario do traballador).

Esta liña verase complementada nas vindeiras semanas coa concesión das novas axudas 2018 de PEL-PEME, cun orzamento de 2,4 millóns de euros, coa que o Goberno provincial espera apoiar a unhas 200 pemes coruñesas na contratación de novos traballadores.

"Trátase dunha aposta pola estabilidade no emprego", afirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que lembrou que este ano por primeira vez as empresas beneficiarias do programa PEL-PEMES dispoñen dunha liña específica para poder manter no seu cadro de persoal aos traballadores contratados na anterior convocatoria.

"A idea é crear emprego estable, de calidade. Permitir que as persoas que comezaron a traballar grazas a este programa podan seguir facéndoo de xeito e que as contratacións non se limiten a periodos de un ano", apuntou González Formoso, que subliñou que o 50% das contratacións realizadas ao abeiro do PEL-PEMES son xa de carácter indefinido e que as tres liñas do Plan (PEL-PEME, PEL-EMPRENDE e PEL-CONCELLOS) supoñen a creación de máis de 1.000 empregos cada ano na provincia da Coruña.

Catro de cada dez empresas que contrataron co PEL manteñen aos traballadores

Estas 92 renovacións de contrato representan arredor dun 41% das 224 que a liña PEL-PEME favoreceu o ano pasado, o que supón que catro de cada dez empresas que en 2017 obtiveron axudas do PEL para a contratación de persoal optaron por renovar as axudas para seguir contando con estes traballadores.

Os concellos con maior número de solicitudes presentadas en concedidas nesta convocatoria foron Ordes (7 traballadores), As Pontes (6), Curtis (6), Mazaricos (6), Zas (5) e Boiro (4).

Por comarcas, as máis beneficiadas son as de Betanzos (16 concedidas por importe de 107.833,70 €), Ordes (14 concedidas por un total de 100.110,64 €), Eume (8 concedidas por 70.004,59 €) e Barbanza e Terra de Soneira, con 8 subvencións concedidas por importe de 63.000 e 57.757 euros, respectivamente.

Atendendo ao tipo de negocio, a maioría de beneficiarios (63%) son pequenas peme con menos de 10 traballadores. Os empresarios individuais (autónomos) representan un 34% das solicitudes concedidas, mentres que o 3% restante son peme con máis de dez traballadores.

As empresas beneficiarias abranguen un amplo abano de actividades, destacando ás vinculadas á agricultura e gandería (26%), sector servizos (44%) e pequeno comercio (12%).

A listaxe completa das empresas pode consultarse na seguinte ligazón:

http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2018/09/05/2018_0000006507.pdf

Páxinas suxeridas