Estás en:Emprego Novas

González Formoso destaca a “importancia clave” das mulleres no sector pesqueiro en Galicia

O presidente da Deputación da Coruña aposta por "dar visibilidade" ao papel feminino "nun sector estratéxico que sería inviable sen a súa contribución"

González Formoso destaca a “importancia clave” das mulleres no sector pesqueiro en Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe a "importancia clave" das mulleres no sector da pesca en Galicia e apostou por "dar visibilidade á contribución feminina nun sector estratéxico dende o punto de vista socioeconómico", que supón máis do 2% do PIB e xera 100.000 empregos directos e indirectos na nosa comunidade. "A pesca galega é un referente a nivel nacional.

Somos a comunidade con maior peso específico da pesca na súa economía e con maior implicación da muller no sector", afirmou o presidente da Deputación no acto de clausura da xornada "En Galicia, mar é feminino", organizadas en Rianxo pola Asociación Mulleres do Mar de Arousa en colaboración coa área de Promoción Económica e Emprego da institución provincial coruñesa, na que tamén participou a presidenta da entidade, Susana Silva; a deputada de Igualdade, Ánxela Franco, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Formoso gabou o "importante labor" que desenvolven entidades como Mulleres do Mar de Arousa, "que contribúen co seu traballo a facer visible a importancia da muller no mundo do mar". "En Galicia son miles as mulleres que contribúen cada día ao desenvolvemento do noso sector pesqueiro. As mulleres desempeñan un papel clave nos sectores extractivo e transformador dos produtos do mar. Na pesca artesanal, como mariscadoras, redeiras, vendedoras de peixe, traballadoras das conserveiras ou das empresas de acuicultura...Todos sabemos que o sector pesqueiro galego sería inviable sen a achega destas mulleres e, a pesar disto, o seu papel segue sendo moitas veces invisible para a sociedade", afirmou González Formoso.

O presidente da Deputación da Coruña avogou por incrementar a participación feminina nas organizacións sectoriais e nos órganos de toma de decisións, fomentar o asociacionismo, impulsar a capacitación profesional das mulleres e facilitar o emprendemento no sector "para fomentar a igualdade e aproveitar o inmenso potencial da pesca en Galicia". Pola súa banda, a presidenta de Mulleres do Mar de Arousa, Susana Silva, agradeceu o apoio da Deputación da Coruña para a organización desta xornada "que axuda a dar a visibilidade" ao sector e incentiva o asociacionismo.

Segundo o Informe "Diagnóstico sobre a situación da muller no sector pesqueiro e acuícola", elaborado en 2017 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en Galicia hai 20.573 persoas cotizando á Seguridade Social no réxime especial do mar, das cales 5.187 (un 25%) son mulleres. En Galicia, máis de 9.000 mulleres traballan no sector pesqueiro e na industria de transformación. Todas as actividades dependen, en maior o menor medida, do papel das mulleres pescando, mariscando, transformando, vendendo ou transmitindo coñecemento

O papel da muller no sector pesqueiro na ría de Arousa, a incorporación de prácticas de pesca sustentable e a redución dos descartes na pesca, a importancia do cultivo do mexillón en Galicia e os aspectos medioambientais da ría foron algúns dos principais temas que se abordaron no foro, que contou con destacadas especialistas coma Manuela Buján, doutora en Bioloxía e membro do equipo de I+D+I de Portomuiños; Ángeles Cid, catedrática de Microbioloxía da Universidade da Coruña; Nadia Moalla, responsable de Proxectos da Confederación Española de Pesca; Maruxa Vázquez, doutora en Bioloxía; e Ángeles Longa, directora do departamento de I+D+I do Consello Regulador de Mexillón de Galicia.

Páxinas suxeridas