Estás en:Emprego Novas

A Deputación creará un espazo de coworking especializado no sector agrogandeiro en Brión

O centro, pioneiro en Galicia, situarase na área comercial Monte Balado e destinarase a emprendedores relacionados co sector primario

Valentín González Formoso e José Luis García asinaron hoxe o convenio para desenvolver o proxecto, que suporá un investimento 213.266 euros

González Formoso apunta que a Deputación pretende crear viveiros e espazos de coworking especializados por sectores, co obxectivo de "crear sinerxias e transferencias de coñecemento" entre empresas de nova creación

A Deputación creará un espazo de coworking especializado no sector agrogandeiro en Brión

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Promoción Económica e Emprego e alcalde de Brión, José Luís García, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para a creación neste concello dun dos centros de coworking que integrarán a nova Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo.

O proxecto suporá un investimento de 213.266,86 euros, dos que o 74,4% (158.632,80 €) serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende).

Con estes fondos, adaptarase e equiparase un espazo da área comercial Monte Balado para que poida acoller un ambicioso proxecto que contribuirá á mellora e modernización do sector primario na zona.

Este espazo será pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario (hortalizas, conservas vexetais, zumes, cogomelos, cereais, marmeladas, carnes, embutidos, doces, produtos de panadería, etc.) de produtores locais dos municipios da comarca de Santiago.

O espazo contará cunhas instalación específicas para todo o proceso de transformación e contará co seu propio rexistro sanitario. O proxecto de Brión é un alento importante para as pequenas explotacións agrogandeiras da comarca de Santiago, pois suporá un aforro de custos importante para os produtores locais xa que contribuirá notablemente á sostibilidade e viabilidade futura das súas explotacións

Brión pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Carballo e Boiro, do grupo de concellos que conforman o embrión da futura Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, que aglutinará tanto espazos xa existentes coma de nova creación, independentemente da súa tipoloxía (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking) nos que se situarán iniciativas emprendedoras dun sector determinado.

Así, por exemplo, o centro de Oleiros estará destinado a emprendedores do sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Carballo a empresas tecnolóxicas ou innovadores, e o de Boiro aos sectores conserveiro, de transformación de produtos do mar, hostaleiro e turístico.

"Os centros serán de ámbito comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia. O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha das súas ideas de negocio, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos de apoio ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X