Estás en:Emprego Novas

O pleno da Deputación da Coruña aproba un programa de 5,3 millóns de euros para crear emprego no ámbito rural

Valentín González Formoso destacou que esta liña de actuación do PEL, centrada no emprego feminino no ámbito rural, permitirá que 855 persoas realicen formación e prácticas en empresas de sectores relacionados co mundo rural

O programa, financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo, contempla itinerarios formativos en sectores como a gandería, a atención sociosanitaria, teleasistencia ou agricultura ecolóxica e pretende axudar a combater a perda de poboación no rural coruñés

O pleno da Deputación da Coruña aproba un programa de 5,3 millóns de euros para crear emprego no ámbito rural

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, unha nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) dedicada a impulsar a formación e a creación de emprego nos municipios rurais da provincia.

O programa PEL- Emprego Sostible no Eido Rural contará cun orzamento de 5.315.739 euros, dos que o 80% (4.252.591,45€) proceden do Fondo Social Europeo e o restante 20% (1.063.147,86 €) estará financiado con fondos propios da institución provincial..

O proxecto enmárcase na convocatoria 2018 de axudas do Fondo Social Europeo destinadas a entidades locais para a inserción das persoas máis vulnerables. Un total de 126 proxectos de toda España concorreron a esta convocatoria, dos cales 74 foron seleccionados, catro deles na comunidade galega.
855 persoas formaranse para obter un emprego
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou "o importante respaldo que supón para a Deputación da Coruña a obtención deste financiamento europeo para pór en marcha esta nova liña de actuación do PEL, centrada no emprego feminino no ámbito rural", que permitirá que 855 persoas dos municipios rurais da provincia (un 78% delas mulleres) realicen formación e prácticas en empresas de sectores vinculados co mundo rural como atención a persoas maiores, agricultura e gandería, forestal, carpintaría, tratamento de residuos, hostalaría, ou turismo e tamén no eido do emprendemento social en economía circular.
Máis do 75% das accións formativas programadas están vinculadas á obtención dun Certificado de Profesionalidade e, segundo a experiencia de programas anteriores, arredor do 50% das persoas que participan nestes itinerarios formativos conseguen atopar un emprego.
En total, desenvolveranse vinte itinerarios, cun total de 49 edicións de actividades formativas de inserción laboral destinadas aos colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego. "Preto de 23.000 horas de formación que se impartirán nos concellos da provincia e que buscan a mellora da cualificación profesional destas persoas, pero tamén combater a perda de poboación do rural coruñés", explicou Valentín González Formoso.
O proxecto está destinado aos 90 concellos con menos de 50.000 habitantes da provincia e impulsará accións formativas en cuestións que contan cunha crecente demanda laboral, como agricultura e gandeira ecolóxica, elaboración de produtos lácteos, vixilancia e extinción de incendios forestais, apoio a continxencias no medio rural, tratamentos de residuos e reciclaxe, atención sociosanitaria, xestión de chamadas de teleasistencia, dinamización comunitaria ou manexo e mantemento de maquinaria agrícola.
Dinamización do tecido empresarial
O programa PEL- Emprego Sostible no Eido Rural tamén contempla a realización de accións complementarias, que axuden a dinamizar o tecido empresarial e a fomentar o espírito emprendedor na provincia.
Neste sentido, realizaranse encontros entre os participantes dos itinerarios formativos e as empresas, nos que poderán descubrir de primeira man as distintas tarefas que realizan os profesionais dos eidos nos que se están formando.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X