Estás en:Emprego Novas

A Deputación apoia a creación dun novo centro de coworking en Ames

O pleno aprobou unha achega de 200.000 € para a adquisición do local que o concello de Ames converterá nun espazo de coworking centrado no sector audiovisual e que aspira a ser clave na transformación socioeconómica do municipio

Ames súmase á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo que a Deputación está impulsando na provincia e que conta con centros en Oleiros, Carballo, Brión e Boiro

A Deputación apoia a creación dun novo centro de coworking en Ames

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o convenio co concello de Ames para a adquisición dun inmoble que será usado como espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar e profundar nos servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual. Segundo se recolle no texto do convenio, a Deputación cofinanciará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000€.

Ames sumarase así aos concellos de Oleiros, Carballo, Brión e Boiro, onde a Deputación impulsa a creación de espazos de traballo colaborativo de carácter sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencial de cada unha das zonas.

Así, por exemplo, o centro de Oleiros estará destinado ao sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Carballo a empresas TIC; o de Boiro ao sector do mar e o de Brión á transformación de produtos do sector primario, mentres que o de Ames centrarase no sector audiovisual e a innovación dixital.

"Os centros terán ámbito comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia. O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha das súas ideas de negocio, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos de apoio ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade.

Coworking Ames

Con este espazo, o concello de Ames poderá pór a disposición de emprendedores e empresas da comarca uns determinados servizos e infraestruturas físicas de apoio para apoiar o desenvolvemento do proxecto empresarial na fase preliminar. Será un espazo de acollida temporal pensado para situar empresas nos seus primeiros pasos, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de que mediante unha xestión correcta, se facilite o desenvolvemento de iniciativas na localidade, comarca e entorno.

O espazo servirá ademais para que profesionais de diferentes sectores, compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos, coñecementos e fomentar a colaboración.

Os espazos de coworking están a ser considerados en toda Europa como fonte de inspiración para poñer práctica novos enfoques de traballo, innovación e colaboración e son un reflexo na aparición de novos modelos e novas expectativas no mundo dos negocios e na sociedade en xeral.

Con esta iniciativa, o concello de Ames quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrece perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para Ames e comarca.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X