Estás en:Emprego Novas

O presidente da Deputación da Coruña anuncia en Betanzos un plan provincial de emprego dotado con máis de 6 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña anuncia en Betanzos un plan provincial de emprego dotado con máis de 6 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Betanzos, na que anunciou que a Deputación da Coruña está a traballar na elaboración dun novo plan de emprego provincial que será unha das principais iniciativas deste mandato, ao "multiplicar por 6 o investimento que ata agora viña realizando o organismo provincial nesta materia".

A Deputación da Coruña ten actualmente máis de 3,3 millóns de euros consignados nos Orzamentos de 2016 para este plan de emprego, que xa duplican o investimento na materia dos exercicios anteriores, pero pretende achegar outros 3 millóns nos primeiros meses do presente ano para elaborar "un ambicioso plan de emprego" dotado con máis de 6 millóns de euros que, segundo explicou González Formoso, terá tres eixes fundamentais: a axuda ás administracións locais para a contratación de novo persoal, a creación de emprego de carácter social para persoas en risco de exclusión social, parados de longa duración ou con dificultades de inserción sociolaboral e unha novedosa liña de fomento do autoemprego e apoio a pequenos proxectos emprendedores que contribúan a xeración de emprego. Para esta última liña espera contar cun financiamento duns tres millóns de euros anuais.

González Formoso realizou este anuncio durante a visita institucional que hoxe realizou ao Concello de Betanzos, na que comprometeu ademais a colaboración económica da institución provincial na recuperación do parque do Pasatempo. Durante a recepción ofrecida polo alcalde betanceiro, Ramón García Vázquez, o presidente da Deputación afirmou que o Pasatempo "é un lugar sorprendente que precisa de apoio público e a Deputación da Coruña comprométese a facelo en colaboración co Concello. Non só para recuperalo fisicamente, senón tamén para poñelo no seu sitio no mundo cultural e patrimonial. A Deputación ten medios e instrumentos para dálo a coñecer por España adiante e, polo tanto, aí tamén imos a estar", apuntou.

Formoso recoñeceu que se trata dun "investimento importante", polo que a recuperación do espazo realizaríase "por fases" e mostrouse convencido de que este espazo singular servirá como polo de atracción turística e contribuirá tamén á dinamización económica do municipio.

O presidente da Deputación e o alcalde betanceiro visitaron esta mañá a sede do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC), que conta co apoio económico da institución provincial, onde os responsables do centro mostraron a exposición do premio de arte gráfica "Jesús Núñez", que mañá se inaugura en Betanzos e percorrerá despois 10 concellos coruñeses.

González Formoso e Ramón García visitaron tamén o palco da música, que está sendo reparado con fondos da institución provincial, o cine Alfonsetti, que foi restaurado tamén en 2008 con fondos provinciais e a sede da Asociación de Empresarios Acebe, onde se reuniron coa presidenta da entidade, coa que analizaron algúns dos proxectos de futuro da entidade, así como o parque do Pasatempo.

Visita a GADISA

Valentín González realizou tamén unha visita á sede central de Gadisa no Polígono de Piadela, dando continuidade á rolda de visitas ás empresas coa que pretende "coñecer directamente o tecido empresarial da nosa provincia e as nosas capacidades e potencialidades industriais e empresariais e ver como a Deputación pode pór o seu gran de area para axudar aos nosos sectores produtivos na recuperación económica e a xeración de emprego". É a primeira vez que un presidente da Deputación da Coruña fai unha rolda destas características.

Formoso considerou "importante que, dende as administracións apoiemos os sectores económicos que xeran actividade e emprego" e destacou que GADISA e o Grupo Tojeiro "son un grupo empresarial de referencia en Galicia, dos principais en facturación, cunha gran presenza, non só en distribución, senón noutros sectores" importantes para Galicia, polo que é "interesante" coñecelo por dentro.

Acompañado polo presidente do Grupo GADISA, Roberto Tojeiro, o alcalde de Betanzos, Ramón García, o deputado responsable da área de Promoción Económica, José Luis García, e por varios membros do goberno local betanceiro e directivos da compañía, González Formoso visitou a sede central e as plataformas xeral e de produto fresco que o grupo empresarial ten no polígono de Piadela, dende onde distribúen aos máis de 367 puntos de venda cos que contan en Galicia e Castela-León cunha flota propia de camións.

A comitiva percorreu os 50.000 metros cadrados cos que contan as súas oficinas centrais e plataformas de mercancías e produto fresco, onde os responsables da empresa subliñaron a especial importancia que GADISA concede dende sempre ao tratamento e distribución dos produtos frescos e explicaron os modernos sistemas de xestión e loxística cos que traballan.

Páxinas suxeridas