Estás en:Emprego Novas

Asociacións e fundacións culturais teñen até o 6 de marzo para presentarse ás liñas de axuda da Deputación da Coruña

A área de Cultura destina 2.880.000 € para apoiar o tecido asociativo a través de seis convocatorias

Asociacións e fundacións culturais teñen até o 6 de marzo para presentarse ás liñas de axuda da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña abre o prazo para concorrer ás seis liñas de axuda destinadas a fundacións e entidades do ámbito cultural que poderán presentar as súas solicitudes até o vindeiro 6 de marzo. En total, a área de Cultura da Deputación da Coruña destina case tres millóns de euros á promoción do tecido cultural que traballa no territorio dos 93 concellos da provincia.

A área de Cultura da Deputación da Coruña abriu o prazo para que as entidades e asociacións se presenten ás liñas de axuda convocadas para a organización de actividades e investimentos que convoca cun orzamento total de 2.880.000 € na presente edición.

O obxectivo da convocatoria é afortalar o tecido cultural asociativo dos concellos a través de seis liñas de concorrencia competitiva as entidades poderán presentar as súas propostas.

"Debuxan un mapa de liñas de axuda que quere responder ás necesidades e urxencias do tecido asociativo e tamén consolidar e apoiar o seu traballo, tan importante para a difusión e promoción da nosa cultura", sinala o deputado da área de Cultura, Xurxo Couto.

Seis liñas de axuda

Das seis liñas de axuda, dúas delas van destinadas ás asociacións culturais, unha para a realización de actividades, que se apoia cunha partida de 950.000 €, e outra para investimentos, cunha convocatoria dotada con 300.000 €. As entidades poderán recibir en cada unha das liñas até 30.000 € se son culturas, 20.000€ se son sociais ou asistenciais e 10.000 € se son veciñais ou socieducativas.

As corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato son as beneficiarias doutras dúas convocatorias da área de Cultura da Deputación da Coruña, tamén para o desenvolvemento de actividades do ano e para investimento, cun orzamento de 480.000 € e 200.000 €. "

Entre as actividades que se apoian están as de carácter formativo, de documentación, investigación recuperación e difusión, produción de espectáculos, libros ou exposicións ou organización de encontros arredor da cultura tradicional e popular en actividades mentres que na liña de investimentos subvenciónase a adquisición de equipamento e moblaxe, as reformas e melloras de inmobles de titularidade das entidades ou a compra de materiais de uso técnico e artístico como vestiario, instrumentos u partituras.

Festivais e fundacións

Completan a oferta de liñas de axuda da Deputación da Coruña para o tecido cultural dúas convocatorias encamiñadas a apoiar a realización de festivais e a fundacións e entidades titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas. Para festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados por entidades, a área de Cultura achega neste ano un total de 500.000 euros que, sumando ao que destina a estes eventos promovidos por concellos, volve superar o millón de euros que a sitúan na que máis apoio presta ao que considera verdadeiras plataformas culturais en todo o territorio.

Nesta edición, as entidades poderán recibira un mínimo de 7.500 € e un máximo de 60.000 € nunha convocatoria que apoia a través dos seus requisitos a programación de producións galegas, compañías que empreguen a nosa lingua e artistas que utilicen o galego nas súas cancións. "Para nós é fundamental que os festivais signifiquen un apoio decidido á difusión da cultura galega e na nosa lingua e, por iso, é un dos requisitos que existen en todas as modalidades, que contribúan tamén á normalización do noso idioma e á promoción da nosa cultura", explica o responsábel de Cultura da Deputación da Coruña.

Finalmente, a Deputación convoca tamén unha liña destinada a fundacións e entidades privadas sen fins de lucro titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas para as súas actividades culturais durante o ano, liña dotada con 450.000 € que se repartirán en achegas de até 30.000 €.

Entre as finalidades desta liña atópase impulsar a accesibilidade, apoiar a diversidade cultura e lingüística, promover a inclusión, fomentar os proxectos de creación contemporánea en torno ao patrimonio cultural, situar os museos, centros de interpretación, bibliotecas e fundacións como institucións relevantes no turismo cultural, sensibilizar arredor do patrimonio cultural, impulsar o coñecemento do patrimonio histórico-cultural dos concellos ou fomentar o coñecemento dos fitos e dos avances sociais relevantes da nosa historia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X