Estás en:Emprego Novas

A Deputación adapta as axudas do PEL para pemes, autónomos e emprendedores á situación socioeconómica provocada pola Covid-19

As empresas que se acolleran a un ERTE ou cesaran a súa actividade durante o estado de alarma poderán seguir optando ás axudas do Plan de emprego local

A Deputación adapta as axudas do PEL para  pemes, autónomos e emprendedores á situación socioeconómica provocada pola Covid-19

A Deputación da Coruña vén de adoptar unha serie de criterios xerais de actuación para adaptar as bases das axudas do Plan de emprego local (PEL) a autónomos, pemes e persoas emprendedoras á situación socioeconómica excepcional que atravesamos debido á crise sanitaria da Covid-19.

Entre esas instrucións, destacan medidas como permitir que sigan optando ás axudas dos programas PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE as empresas que se acolleran a un ERTE ou cesaran a súa actividade durante o estado de alarma.

O goberno provincial presidido por Valentín González Formoso entende que agora, máis ca nunca, as administracións públicas deben implicarse a fondo no apoio e protección ás empresas, autónomos, traballadores e traballadoras, establecendo medias extraodrinarias que dean respostas rápidas e efectivas ás súas necesidades.

O PEL da Deputación amosa o seu apoio ao tecido empresarial da provincia establecendo as seguintes instrucións excepcionais para a adaptación das bases reguladoras das súas axudas á realidade socioecónomica actual. Estas instrucións de interpretación e aplicación teranse en conta para todas as liñas e anualidades do Plan de emprego que se vexan afectadas:

1. INTERRUPCIÓN DO CÓMPUTO DE PRAZOS

Con carácter xeral, todos os prazos establecidos nas bases reguladoras das axudas PEL PEMES e PEL Emprende das anualidades 2018, 2019 e 2020 que se vexan afectados, quedan interrompidos mentres dure o estado de alarma e o seu cómputo renovarase unha vez rematado este, en aplicación da normativa do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia: Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática (publicado no B0E núm. 67, do 1 de marzo) e as súas posteriores prórrogas.

2. NON SE CONSIDERARÁ INCUMPRIMENTO DO MANTEMENTO DO NIVEL DE EMPREGO ACOLLERSE A UN ERTE

As empresas que cumpran os requisitos previstos do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes e extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19. (BOE núm. 73 do 18 de marzo de 2020) e se acollan ás medidas recollidas no Real decreto en materia de suspensión temporal de contratos e/ou redución temporal da xornada (ERTE) que perseguen evitar que, unha situación conxuntural como a actual, teña un impacto negativo de carácter estrutural sobre o emprego, non se considerarán como incumprimento na obrigatoriedade de manter o nivel de emprego esixido nas liñas PEL PEMES nas súas diferentes convocatorias e sempre que a suspensión se produza polo período de duración do ERTE e estea debidamente xustificada pola entidade beneficiaria da axuda.

3. NON SE CONSIDERARÁ INCUMPRIMENTO DO MANTEMENTO DO NIVEL DE EMPREGO A SUSPENSIÓN DOS CONTRATOS E/OU A REDUCIÓN TEMPORAL DA XORNADA DE TRABALLO

Nos supostos nos que as empresas decidan a suspensión dos contratos e/ou a redución temporal da xornada de traballo polas causas establecidas no artigo 47 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e cumpran as circunstancias extraordinarias reguladas no Real decreto-lei 8/2020, non se considerarán como incumprimento na obrigatoriedade de manter o nivel de emprego esixido nas liñas PEL PEMES nas súas diferentes convocatorias e sempre que a suspensión se produza polo período de duración das causas que motivaron a suspensión, e estea debidamente xustificada pola entidade beneficiaria da axuda.

4. AMPLÍANSE OS PRAZOS PARA XUSTIFICAR O COMPROMISO DE MANTER O POSTO DE TRABALLO SUBVENCIONADO 12 MESES

Nas liñas de PEL PEMES mantense a obriga de manter o posto de traballo subvencionado mínimo 12 meses, polo que quedan ampliados os prazos para xustificar este compromiso no mesmo tempo de vixencia do ERTE por forza maior, ou das causas económicas sobrevindas que motivaron as suspensións e sempre que a entidade ou a persoa autónoma beneficiaria xustifique debidamente esta situación.

5. NON SE CONSIDERARÁ INCUMPRIMENTO O CESE DA ACTIVIDADE DOS AUTÓNOMOS E AUTÓNOMAS

No caso das persoas autónomas que se acollan ao cese da súa actividade pola declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e reúnan os requisitos esixidos no Real decreto lei 8/2020, non será considerado incumprimento o tempo que permanezan nesa situación amparados neste Real decreto lei, aos efectos das axudas PEL e sempre que a persoa autónoma beneficiaria xustifique debidamente esta situación.

6. OS AUTÓNOMOS E AUTÓNOMAS CONSIDERARÁNSE AO CORRENTE NAS SÚAS OBRIGAS COA SEGURIDADE SOCIAL

No caso das persoas autónomas que se acollan ao recollido na Sección 2.ª: Medidas de apoio aos autónomos do Real decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo, durante o período polo que se lle certifique a moratoria, consideraranse ao corrente coas súas obrigas coa Seguridade Social para os efectos das axudas PEL nas súas diferentes convocatorias, e sempre que a entidade beneficiaria xustifique debidamente esta situación.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X